-Visitou, xunto á tamén deputada provincial socialista Rosa Ana García, dúas empresas beneficiarias das axudas na localidade
Os deputados provinciais socialistas Rosa Ana García e Antonio Leira visitaron esta mañá o concello de Oroso para coñecer de primeira man o impacto do Plan de Emprego Local (PEL) no tecido empresarial e nos servizos municipais do municipio.
Durante a visita, os representantes provinciais achegáronse ás instalacións de dúas empresas locais: o ximnasio Ready Go Gym e a clínica Todosaúde, ambas beneficiarias das diferentes liñas de axudas do programa PEL.
Rosa Ana García, deputada encargada das áreas de Emprego, Industria e Medio Ambiente na Deputación, destacou “o papel fundamental do PEL no impulso económico local”.
“É unha ferramenta eficaz para apoiar ás pequenas empresas e persoas autónomas, permitindo crear emprego e fixar poboación no territorio”, sinalou. “No caso de Oroso, falamos de 181 axudas e un investimento de 1,8 millóns de euros, que se traduciron en 45 empregos directos creados no municipio desde 2017”, engadiu.
Pola súa banda, Antonio Leira, deputado provincial de Deportes, puxo en valor o impacto directo das axudas sobre a calidade de vida da veciñanza de Oroso: “Cada empresa que medra grazas ao PEL está xerando riqueza, emprego e servizos no seu contorno”. “É un apoio que se nota no día a día do municipio”, asegurou o deputado.
No ximnasio Ready Go Gym foron recibidos polos responsables da empresa, Verónica Rial e Ricardo De Angelis. Estes explicáronlles o funcionamento do centro, as actividades que ofrece e as melloras realizadas grazas a unha axuda de 17.500 euros do PEL.
As axudas permitíronlles modernizar o equipamento e ofrecer un servizo máis completo á súa clientela, que hoxe conta cunha ampla variedade de actividades como musculación, cardio, pilates, spinning, crossfit ou yoga, explicaron os responsables do ximnasio.
A continuación, visitaron a clínica Todosaúde, que leva varios anos participando no programa PEL, cun investimento acumulado de 85.824 euros destinado tanto a contratación de persoal como á adquisición de equipamento relacionado coa súa actividade.
O Concello de Oroso recibe 43.000 euros para contratar a catro persoas
Ademais, o Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña inclúe tamén a liña PEL-Concellos, destinada a que os municipios da provincia poidan contratar persoas desempregadas para reforzar os servizos públicos.
Este ano, o Concello de Oroso recibe 43.000 euros da Deputación a través desta liña, o que permite a contratación temporal de catro persoas desempregadas, que onte comezaron a traballar.
Antonio Leira destacou o carácter social do programa, xa que “ao tempo que ofrece unha oportunidade laboral a persoas con especiais dificultades de inserción, é unha peza clave para garantir e mellorar os servizos básicos nos municipios máis pequenos”.
O programa PEL-Concellos permitirá este ano a 91 concellos da provincia contratar a máis de 400 persoas en situación de desemprego, que prestarán servizos esenciais como limpeza viaria, mantemento de iluminación, recollida de residuos, xestión de augas e sumidoiros, conservación de parques e xardíns, ou apoio nos centros públicos de ensino.
RRSS