- A deputada socialista estivo acompañada polo eurodeputado Nicolás González Casares nun encontro cos cooperativistas, no que advertiron da posible perda dos fondos europeos se non se inician as obras antes de final de ano
A deputada socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, acompañada polo eurodeputado Nicolás González Casares, mantivo un encontro cos cooperativistas de Xuxán para analizar a situación do proxecto das 214 vivendas de alugueiro social e o risco de perder 10 millóns de euros en fondos Next Generation debido aos atrasos na súa execución.
Galivivienda, sociedade cooperativa de vivendas de ámbito nacional integrada no sector da economía social, e a xestora Gesvieco poderían perder esta axuda europea debido ao retraso na construción das 214 vivendas previstas no barrio coruñés de Xuxán, que a día de hoxe aínda non comezaron a levantarse.
Segundo explicou a deputada socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, “isto suporía incorrer nunha mala xestión de fondos europeos, ademais dos múltiples problemas que xa ten a cooperativa, posto que non acadaron no seu momento unha valoración positiva dos créditos ICO, tendo que presentar outro plan de financiamento que avale a xestión de Galivivienda”.
As vivendas proxéctanse nunha parcela da Xunta de Galicia, cedida para destinalas a alugueiro social por un período de 50 anos. Porén, Longueira lembrou que, “coñecedora dos problemas xerados pola xestión de Galivivienda, a Xunta de Galicia non sae en defensa dos cooperativistas, que durante este último ano ven como non só mudaron de xeito unilateral as condicións de financiamento por parte de Galivivienda, senón que poderían enfrontarse á perda dunha axuda xa concedida por Europa, que limita o prazo de execución das obras a catro anos”.
O prazo de execución remataría o 31 de decembro de 2025, polo que a falta de avances nas obras podería supoñer a devolución dos fondos comunitarios. A parlamentaria socialista concluíu advertindo que se trata dunha “parcela pública e fondos públicos que a Xunta decide non defender fronte a intereses empresariais”, reclamando así unha resposta e implicación por parte do Goberno galego para garantir o cumprimento dos prazos e a protección dos cooperativistas.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS