PSOE de Cambre levará ao pleno por urxencia unha moción ante a “penosa” situación das asociacións tras anos sen subvencións
O Grupo Municipal Socialista de Cambre presentará mañá, 26 de marzo, no pleno ordinario da corporación unha moción para esixir solucións urxentes ante a grave situación que atravesa o tecido asociativo do municipio, que cualifican de “penosa” tras anos de bloqueo na concesión de subvencións municipais.
A iniciativa foi rexistrada o pasado venres 20 de marzo cumprindo cos prazos establecidos no Regulamento Orgánico Municipal (ROM). Porén, non foi incluída na orde do día do pleno, polo que o grupo socialista anuncia que a defenderá pola vía de urxencia, dada a situación “excepcional e insostible” que están a vivir as asociacións de Cambre.
Dende o PSOE local denuncian que as axudas municipais levan paralizadas dende o ano 2022, sen que se resolveran as convocatorias dese exercicio nin do 2023, e sen que sequera se convocaran nos anos 2024 e 2025. Esta falta de xestión, sinalan, está a poñer en risco a actividade, a programación e mesmo a viabilidade económica de numerosas entidades que desenvolven un papel esencial na vida social, cultural e deportiva do Municipio.
A través desta moción, os socialistas instan ao goberno municipal a desbloquear de inmediato as subvencións pendentes, habilitar mecanismos extraordinarios de financiamento se fose necesario e garantir unha convocatoria anual, regular e con prazos certos destas axudas no futuro. Así mesmo, propoñen a sinatura de convenios nominativos coas asociacións para cubrir os gastos do ano 2026 como medida urxente.
O Grupo Municipal Socialista subliña que o abandono institucional que sofren as asociacións “non pode prolongarse nin un día máis” e reclama ao goberno local responsabilidade e vontade política para dar resposta a unha situación que consideran “inadmisible”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS