Patricia Iglesias Reclama en Carballo a circunvalación para o Polígono Industrial
A deputada socialista no Parlamento galego reivindicou tamén a proposta de crear unha rede de polígonos industriais na comarca de Bergantiños e na Costa da Morte.
O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña celebrou unha rolda de prensa no Polígono Industrial de Bértoa, en Carballo, para presentar xunto ao empresariado da zona as súas propostas sobre polígonos industriais.
Participaron na mesma a deputada socialista carballesa Patricia Iglesias Rey e o secretario xeral da agrupación provincial Bernardo Fernández Piñeiro, ademais doutros cargos socialistas a nivel provincial e comarcal.
“Como voceira da Comisión de Industria e parlamentaria da comarca de Bergantiños e da Costa da Morte, visito o Polígono Industrial de Bértoa para explicar as nosas iniciativas en materia industrial, e en particular sobre polígonos como o que visitamos hoxe”, comezou sinalando Patricia Iglesias.
“No caso de Carballo, é fundamental que se execute dunha vez por todas, por parte da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, a circunvalación para o polígono industrial”, afirmou a parlamentaria galega.
Iglesias sinalou que “isto é moi urxente por dúas razóns básicas, a de gañar máis competitividade para as empresas deste polígono e a cuestión da seguridade viaria”.
“É preciso que o tráfico pesado que accede ao polígono de Bértoa non pase pola vila, xa que está afectando a moitas zonas de colexios e do polideportivo municipal, e iso arranxaríase coa construción da circunvalación”, subliña a socialista.
“A Xunta de Galicia leva moito tempo anunciando este proxecto, esta obra, pero nunca remata por comprometerse de verdade con esta zona coa súa execución”, criticou.
Ademais disto, dende o Grupo Parlamentario do PSdeG no Parlamento galego presentaron “unha iniciativa tan fundamental como é a da creación dunha rede de polígonos industriais tanto na zona de Bergantiños como na zona da Costa da Morte”, explicou a carballesa.
“Isto é moi importante para mellorar o transporte e a comunicación nestas zonas, e así garantir e potenciar o emprego no sector industrial, de boa calidade e ben remunerado para os traballadores e as traballadoras”, engadiu. “Deste xeito poderemos conseguir fixar poboación, para evitar a perda demográfica nestas zonas cohesionando a súa rede de polígonos industriais e facéndoa moito máis cometitiva e fructífera”, concluíu Iglesias.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS