Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Os socialistas da Coruña destacan o compromiso do Goberno coa provincia con investimentos en estradas superiores aos 300 millóns de euros

O secretario xeral provincial Bernardo Fernández, a deputada Montserrat García Chavarría e o senador Xosé Sánchez Bugallo valoraron o esforzo orzamentario do Executivo socialista para mellorar a rede estatal

O secretario provincial do PSdeG, Bernardo Fernández, fixo balance hoxe dos investimentos do Goberno socialista na rede de estradas do Estado na Coruña, que valorou como “históricos”.

Nunha comparecencia xunto á deputada Montserrat García Chavarría e ao senador Xosé Sánchez Bugallo, explicou que os proxectos actualmente en execución, sumados aos que se atopan en estudo, en redacción ou listos para a súa aprobación acadan un importe total superior aos 300 millóns de euros, “unha cantidade que reflicte o compromiso do Executivo con Galicia”.

Ao tempo, comparou esa cifra co gasto de anteriores gobernos do PP nas infraestruturas viarias. Nese senso, afeoulles aos populares que “se antes se investía menos e era unha boa noticia, non pode ser que agora que se inviste máis sexa unha aldraxe”.

Por ese motivo, esixiulle ao Goberno galego que deixe “de usar as institucións para confrontar cuestións políticas e partidistas”. “Está ben reclamar que se cumpra coa terra, pero quen goberna en Galicia debe cumprir tamén”, engadiu antes de afirmar que “fronte ás estratexias, aquí hai feitos”, en referencia ao traballo desenvolvido polo Estado nos últimos seis anos.

Pola súa banda, García Chavarría lamentou que haxa obras autonómicas “totalmente abandoadas” mentres o PP “se dedica a confrontar”. Como exemplo puxo as vías de alta capacidade da costa norte, na Mariña e no Ortegal, e da Costa da Morte, ás que se destinan todos os anos partidas “irrisorias” que non solucionan os problemas de mobilidade desas comarcas.

A deputada quixo destacar tamén que “os maiores investimentos da historia” na rede estatal de estradas están servindo, en gran parte para “priorizar a seguridade viaria”.

Sánchez Bugallo lembrou tamén a inacción da Xunta nos seus proxectos, fronte aos avances en obras tan complexas coma a da autovía Santiago-Lugo. “O penúltimo tramo, entre Melide e Palas, está a piques de rematar, e o de Melide a Arzúa está moi avanzado, coa previsión de que entre en servizo o ano que vén”, detallou.

Valorou, por outro lado, o inicio dun programa de reparación de firmes que da resposta á falta de mantemento que arrastran as vías de comunicación dende a crise criticou que a Xunta “fala moitísimo máis” que o Estado “pero non da trigo”.

Máis de 200 millóns só para investimentos

Unicamente no capítulo de investimentos, o Estado destina nos seus Orzamentos para este ano 224,5 millóns de euros a proxectos referidos a infraestruturas viarias en Galicia. Pero se se inclúe o importe total de obras en marcha ou planificadas, con gastos que abranguen varios anos, ademais de actuacións de mantemento e mellora, neste momento o esforzo presupostario do Goberno central na Rede de Estradas do Estado supera os 313 millóns de euros só na provincia da Coruña, tal como recordou Bernardo Fernández.

Por outra banda, dende o 2018 o Executivo socialista executou na comunidade 202 millóns de euros destinados á posta en servizo de 27,8 kilómetros de autovías e á construción de enlaces nese tipo de vías. A día de hoxe, as que se atopan en execución, en proxecto ou en estudo aproxímanse ao centenar.

O secretario xeral provincial destacou tamén que neste momento se está a dar resposta a unha demanda dos usuarios da A-6, cun investimento de 4 millóns de euros no tramo entre Arteixo e o límite con Lugo para a mellora dos firmes.

Esas obras xa están en marcha e a elas uniranse máis adiante as de melloras nas drenaxes e a rehabilitación estrutural de firmes entre os quilómetros 540 e 568, para as que xa se está traballando nun proxecto de 12,8 millóns de euros. Tamén está xa contemplado actuar na A-54 entre Santiago e Lavacolla, cun proxecto ao que se destinarán 2,6 millóns de euros.

Esa autovía, que se estenderá ata Lugo, ten neste momento dous tramos en construción. Na Coruña, entre Arzúa e Melide, cun orzamento superior aos 30 millóns de euros, e de Melide a Palas, cunha previsión de gasto neste exercicio de 12 millóns en cada provincia (o custe total do tramo, en execución dende o 2017, é de case 80 millóns).

Xa rematado está o enlace orbital de Santiago, coa AP-9, por valor de 25,5 millóns, mentres que os proxectos para a ampliación da avenida de Alfonso Molina, na Coruña, se completarán nos vindeiros anos. Dos tres nos que se divide a actuación, está lista a pasarela de Pedralonga (1,3 millóns), o referido á remodelación da avenida (18,3 millóns) iniciou a súa execución e o de integración ambiental (4,4 millóns) está aprobado.

En canto a obras de conservación, neste momento están en execución as dúas da avenida das Pías, en Ferrol (preto de 10 millóns), a remodelación da conexión da N-VI coa AC-164 en Bergondo (1,3 millóns), a humanización da N-550 en Ames (4,4 millóns) e a reparación da ponte da N-651 en Pontedeume (6,8 millóns).

Xa están rematadas as do enlace de Solymar (10,5 millóns), na AC-12 ao seu paso por Oleiros, e a remodelación da conexión da N-VI coa AC-196 en Betanzos (0,2 millóns), como tamén a instalación de balizas antineboa na A-6 en Coirós, Oza-Cesuras e Betanzos, e a mellora de varios tramos da mediana. A iso únense traballos tamén finalizados na N-550 nos accesos a Teo, na N-547 para a rehabilitación do firme en Melide e Arzúa e a reparación de tres pasos inferiores na N-525, na A-54 e na FE-15, concluída este ano.

No referido a proxectos e estudos de novas infraestruturas, neste momento estanse desenvolvendo o da conexión da AP-9 coa AC-14, o enlace da N-550 co Orbital de Santiago (coñecido como Orbitaliño), a prolongación da A-8 no tramo Guitiriz-Lavacolla, a prolongación do acceso ao porto exterior da Coruña (coñecida como cuarta ronda), o enlace de Meicende (Arteixo) entre a AC-15 e a AC-415, a ampliación da ponte da Pasaxe (A Coruña), a duplicación da calzada entre O Carballo e a Vía Ártabra (Oleiros), a variante de trazado da N-550 entre Ordes e Sigüeiro e a variante de Ordes, na mesma estrada. Tamén se está traballando en proxectos de conservación e mellora da seguridade na N-VI, na travesía de Cortiñán (Bergondo) e na intersección de Queirís (Coirós); na N-634 ao seu paso por Sesmonde (Vilasantar); no túnel dos Castros (A Coruña), na AC-12; no cruce da SC-20 coa N-550 no Milladoiro (Ames); e na N-547, cunha actuación que afecta ao tramo do Camiño de Santiago e outra que servirá para mellorar a seguridade viaria en Melide.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes