O PSOE desminte as declaracións do alcalde sobre a auga do Canosa-Rus
- Os socialistas denuncian a falta de transparencia do goberno municipal ao negarse a entregar a documentación solicitada polo rexistro
Ante a nota de prensa difundida polo alcalde de Coristanco a finais do mes de novembro, dende o PSdeG-PSOE de Coristanco denuncian publicamente que o mandatario municipal falta á verdade, manipula a información e tenta responsabilizar á oposición dunha situación que el mesmo provocou ao negarse a entregar a documentación solicitada a través do rexistro municipal.
O voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, explica que o goberno municipal leva semanas incumprindo deliberadamente a súa obriga de facilitar os informes oficiais requiridos e as analíticas reclamadas. “Esta actitude non é un simple atraso administrativo: é opacidade consciente, un intento evidente de impedir que se coñeza a realidade dos feitos”, afirma o portavoz socialista.
Dende o PSOE de Coristanco sosteñen que o alcalde oculta a verdade cando tenta desmentir os riscos que el mesmo se nega a acreditar. Os socialistas consideran que, se o alcalde está tan seguro de que non existen tales riscos, debería entregar os informes técnicos correspondentes en lugar de agocharse detrás de declaracións baleiras, e subliñan que a única razón pola que existen dúbidas é porque o propio alcalde decidiu ocultar información clave.
Para o portavoz socialista, “É o alcalde quen sementa incerteza, non a oposición”. Neste sentido, lembra que o edil chegou a afirmar que “é moi triste que o PSOE de Coristanco pase o tempo en sementar bulos e/ou incertezas”, algo que Pérez Abelenda rebate asegurando que “O que realmente é triste —e grave— é que quen debería garantir transparencia e tranquilidade cidadá sexa precisamente quen xera preocupación ao ocultar datos fundamentais”. Engade ademais que “A oposición non inventa nada: limítase a pedir responsabilidades e documentación oficial, e quen sementa incerteza é quen a esconde.”
Os socialistas aseguran que non aceptan leccións de colaboración por parte de quen bloquea o traballo institucional. Así, critican que o alcalde reclame “traballo conxunto” mentres nega información, non comparte coa oposición a situación do colexio con carácter previo a calquera actuación, ataca politicamente á oposición e manipula a opinión pública. Nesta liña, o portavoz socialista afirma que non hai colaboración posible con quen actúa deste xeito, “xa que a colaboración constrúese con transparencia e responsabilidade, non con mentiras e con propaganda”.
O Grupo Municipal Socialista esixe a entrega inmediata e íntegra de toda a documentación solicitada, incluídas as actas de toma de mostras, os resultados das analíticas e os permisos dos distintos organismos competentes para a realización do pozo no patio do CEIP Canosa-Rus, así como a rectificación pública das acusacións falsas vertidas contra o portavoz socialista e o fin da estratexia de ocultación e confrontación que, aseguran, o alcalde leva tempo alimentando. “A cidadanía merece coñecer a verdade, non unha versión manipulada dos feitos”, afirma Pérez Abelenda.
“Seguiremos reclamando a información que o alcalde pretende agochar e actuaremos con firmeza para garantir que os veciños e veciñas de Coristanco teñan acceso á verdade e á protección dos seus dereitos”, conclúe o portavoz socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS