Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Teo reclama a ampliación do IES Cacheiras, que “se ve desbordado na súa capacidade ano tras ano”

-A voceira socialista en Teo, Mayte Argibay Silva, denuncia que “esta situación provoca que teñan que ser empregados como aulas espazos que deberían cumprir outra fin, como os laboratorios”.


O PSdeG-PSOE de Teo reclama á Xunta de Galicia a ampliación do IES Cacheiras, que “se ve desbordado na súa capacidade ano tras ano” ante o número de alumnos e alumnas que ten que acoller.

Así o sinala a moción que o grupo municipal socialista presentará no pleno municipal do vindeiro día 25 de setembro, na que se insta á Consellería de Educación a que proceda a esta ampliación.

O centro de secundaria acolle, a partir dos 12 anos de idade, ao alumnado dos 3 centros escolares do municipio, o CEIP Os Tilos, o CEIP da Ramallosa e o CEIP A Igrexa-Calo. Estes teñen preto de 340 alumnos cada un.

A voceira socialista local Mayte Argibay Silva explica que “esta ampliación vén sendo solicitada dende hai anos pola comunidade educativa do instituto, que leva anos en precario debido ao gran número de alumnos que recibe”.

“Esta situación provoca que teñan que ser empregados como aulas espazos que deberían cumprir outra fin, como os laboratorios do centro, para poder acoller a todo o estudantado”, denuncia a socialista.

“As perspectivas de crecemento do municipio, estando previsto que se superen axiña os 20.000 habitantes e tendo en conta a súa ubicación na contorna da capital de Galicia, fan cada vez máis necesaria e urxente esta ampliación, tal e como informa o propio equipo directivo”, sinala  Argibay.

A voceira socialista lamenta que “ao estar o instituto saturado, cada vez son mais as familias que deciden levar aos seus fillos e fillas a institutos de Santiago e incluso do veciño Concello de Ames, co custo extra de tempo e recursos que isto supón”.

“Se queremos que o noso Concello medre, que veñan as familias e se asenten aquí, temos que ofrecerlles servizos educativos de vangarda, e canto menos, que poidan absorber a demanda da poboación teense”, subliña.

“A pesar das carencias, o IES de Cacheiras caracterízase polos bos resultados educativos. pois leva varios anos acadando 100% de aprobados na ABAU e gaña constantemente concursos e premios polas iniciativas que leva a cabo todo o equipo docente e o alumnado, polo que é necesario premiar ese esforzo e eliminar as trabas existentes”, engade a voceira.

Argibay conclúe sinalando que dende o PSdeG local buscan “que Teo sexa o concello moderno que lle corresponde ser, e para iso precisa servizos de calidade acordes coa cantidade de poboación que acolle e aspira a acoller, e fomentar ao máximo posible a conciliación da vida laboral e familiar”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes