O PSOE de Sada reclama que o concello “proporcione a documentación dos proxectos en tempo e forma para poder valorar o que se está a apoiar”
-O secretario xeral local Manuel Ángel Gende Penas amosa o seu apoio “á ampliación do CEIP Sada e Contornos, pero antes de votar hai que saber que se vota”
O PSdeG-PSOE de Sada amosou no pleno extraordinario celebrado hoxe o seu apoio á ampliación do CEIP Sada e Contornos, votando a favor do expediente de modificación de crédito que permitirá a expropiación dos terreos lindeiros.
Este expediente foi aprobado nun pleno extraordinario solicitado polo conxunto da oposición logo de ser rexeitado no pleno ordinario do pasado xoves, segundo sinalan os socialistas, por non haber tempo suficiente para revisar a documentación, que foi proporcionada polo Concello menos de 24 horas antes do mesmo.
“Apoiamos a ampliación do CEIP Sada e Contornos, pero antes de votar hai que saber que se vota”, sinala o secretario xeral da Agrupación Socialista local, Manuel Ángel Gende Penas. “Reclamámoslle ao Concello que proporcione a documentación dos proxectos en tempo e forma para poder valorar o que se está a apoiar”, engadiu.
“O noso propósito non é entorpecer, senón avanzar, pero sendo consecuentes co que apoiamos e, se podemos, aportando melloras con ánimo construtivo”, explicou o socialista, que subliñou que a súa formación estará sempre disposta “a colaborar cos proxectos que supoñan unha mellora e un avance tanto para Sada como para a súa veciñanza”.
O secretario xeral local lamenta que “o Concello envía constantemente informes de ata 500 folios cunha antelación totalmente insuficiente, que tería que ser como mínimo de 48 horas”. “Xa estamos cansados, non podemos consentir que todos os puntos a tratar sexan urxentes porque se acordan tarde e mal”, criticou.
“Como xa é desgrazadamente habitual, agardaron ao último día antes do pasado pleno ordinario para subir a documentación, cando tiveron 30 días para subila”, indicou Gende Penas. “Por iso rexeitamos a urxencia coa que se intentou tramitar o expediente”, destacou.
“O que é urxente é que o Goberno local de Sadamaioría traballe correctamente, que se organicen e que revisen a documentación, xa que as consecuencias da súa mala xestión son proxectos inacabados, mala produtividade, incumprimento dos prazos e conflitos”, advertiu.
Gende Penas citou como casos concretos destas consecuencias “que a pista de patinaxe leve tres anos parada, que o módulo de atletismo de Mondego estea sen facer ou as deficiencias na avenida Sada e Contornos”. “Agora din que a culpa é da oposición, pero os únicos responsables de que o expediente non se aprobara no pleno anterior son eles que actúan de forma nelixente e evaden ás súas responsabilidades”, insistiu o socialista. “Dende o PSOE de Sada queremos traballar, por iso solicitamos o pleno extraordinario unha vez revisados todos os informes”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS