O PSOE de Ribeira lamenta que o PP e o PBBI “se neguen a fixar de forma definitiva a Dorna e o Entroido como festivos locais”
- Fran Suárez-Puerta afirma que “se este ano se traballa en Ribeira o Día da Dorna, é por decisión dos concelleiros do PP e do PBBI”
O PsdeG-PSOE de Ribeira lamenta que o PP e o PBBI “se neguen a fixar de forma definitiva a Dorna e o Entroido como festivos locais”. “Se este ano se traballa en Ribeira o Día da Dorna, é por decisión dos concelleiros do PP e do PBBI”, afirma Fran Suárez-Puerta.
O portavoz socialista local denunciou no pleno municipal que o Goberno do PP e do PBBI “continúa sen asumir a realidade social e cultural de Ribeira ao negarse a establecer de forma definitiva a Dorna e o Entroido como festivos locais”.
Para o socialista, ambas celebracións “forman parte da identidade colectiva do municipio e non poden quedar sometidas a cálculos partidistas”. Lembrou que o Entroido é unha festa arraigada en Ribeira, que mesmo resistiu ás prohibicións do franquismo e que durante anos foi referencia na comarca.
Advertiu de que “dificilmente poderá recuperar a súa forza se o Concello non o recoñece cun compromiso estable”. “Se ao día seguinte se traballa, moita xente non se disfraza nin participa coa mesma intensidade”, sinalou.
No caso da Dorna, o portavoz socialista considerou que “non debería existir discusión posible”, xa que representa a Ribeira como vila. Para Suárez-Puerta, deixar estes festivos sometidos a unha votación ano a ano non é liberdade, senón falta de compromiso político.
“Agora queren recoller cable porque o ano que vén hai eleccións. Son conscientes do rexeitamento veciñal que provocou que este ano se traballe en Ribeira o día da Dorna”, afirmou.
Suárez-Puerta defendeu que a posición do PSOE de Ribeira é clara: “A Dorna e o Entroido deben ser festivos locais de maneira definitiva”. Lembrou que foron os concelleiros de PP e PBBI os que fixaron o calendario de festivos locais de 2026, incumprindo na práctica o acordo plenario existente.
“Un Goberno sen iniciativa”
O voceiro socialista criticou tamén “o inmobilismo dun Goberno sen iniciativa, sen proxecto e sen capacidade para marcar unha axenda propia”. Neste último pleno, o executivo só levou dous puntos obrigados: a subsanación de erros na grada de Carreira e a aprobación da modificación da RPT.
Mentres, os traballadores municipais seguen sen ver actualizados os seus complementos. “Se non fose polas obrigas administrativas impostas por gobernos socialistas e polas propostas da oposición, o pleno duraría exactamente 33 minutos. Ese é o contido político real que achegou o Goberno”, denunciou o edil socialista.
Segundo o socialista, o resto da sesión estivo marcado polas iniciativas da oposición “fronte a un Goberno que se limitou a presentar emendas para apropiarse do traballo alleo”.
Ao tratar a proposta sobre aparcadoiros en Palmeira, rexistrada o 15 de abril e debatida o 29 de xuño, o PSOE apoiou a enmenda, pero lembrou que aínda non se creou por parte do Goberno do PP e do PBBI ningunha nova praza.
Tamén se abordou a situación da rúa de Correos. A alcaldesa recoñeceu deficiencias e admitiu que será necesario actuar, contradicindo ao seu Goberno. Finalmente, tratouse a proposta sobre o Centro Cultural de Oleiros, coa que o grupo socialista conseguiu arrincar o compromiso para acometer o seu arranxo. “Agora haberá que comprobar se cumpren ou se, como coa Dorna, volven incumprir escudándose na liberdade”, concluíu Suárez-Puerta.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS