Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Irixoa celebra a luz verde da Deputación á ampliación da estrada entre Adragonte e Vilamateo unha actuación “reiteradamente demandada” polos socialistas

  • A portavoz, María José Cal, destaca que a obra poderá licitarse en breve ao estar completadas as expropiacións
  • A actuación suporá unha mellora notable da seguridade viaria entre Irixoa e Vilarmaior

O PSOE de Irixoa celebrou a publicación no Boletín Oficial da Provincia da aprobación definitiva do proxecto de ampliación e mellora da estrada da Deputación da Coruña DP-3903, entre Adragonte e Vilamateo por Ambroa, unha actuación que os socialistas levan anos reclamando pola súa importancia para a seguridade viaria no municipio.

Dende a agrupación local lembran que esta intervención foi “reiteradamente demandada” polo PSOE de Irixoa, que trasladou en distintas ocasións esta petición ao goberno provincial que preside Valentín González Formoso, incidindo na necesidade de actuar nun tramo especialmente estreito e con dificultades para o cruce de vehículos.

A portavoz socialista, Mari José Cal, destacou que “esta é unha moi boa noticia para Irixoa. Levamos tempo insistindo na necesidade de ampliar esta estrada porque os seus catro metros de ancho facían moi complicado e perigoso o cruce de dous vehículos”.

Cal subliñou que, unha vez completados os trámites de expropiación e aprobada definitivamente a obra, “están dadas todas as condicións para que a Deputación poida licitar os traballos nas vindeiras semanas e que a execución comece nun prazo curto de tempo”.

A actuación, cun investimento próximo ao millón de euros, permitirá ampliar a estrada dos actuais 4 metros ata os 8 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros e beiravías laterais, facilitando o cruce seguro de vehículos e mellorando de maneira notable as condicións de circulación.

“As obras suporán unha mellora importante da seguridade viaria nunha vía moi utilizada pola nosa veciñanza e polos vehículos agrícolas e de servizos. É unha actuación necesaria e agradecemos o compromiso da Deputación da Coruña para levala a cabo este mesmo ano”, concluíu a portavoz socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes