Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Fene esixe un plan urxente de reparación de estradas e melloras nos parques municipais

  • A voceira María Ares advertiu do estado de deterioro de espazos como o parque liñal do Río Cádavo e o parque Castelao

O Grupo Municipal Socialista de Fene reclamou no último pleno municipal que o goberno local formado por BNG e EU poña en marcha un plan integral de reparación de estradas que dea resposta ás necesidades reais da veciñanza.

Os PSdeG local sinalou o mal estado de múltiples vías municipais e demandou “unha planificación clara que inclúa actuacións prioritarias en puntos como a estrada da Brea, Barallobre ou as rúas Lagarteira e Covelo, en Sillobre”, entre outras.

O grupo socialista subliña que se trata de infraestruturas que presentan “un deterioro evidente e que requiren unha intervención urxente”, recollendo así as queixas e peticións trasladadas polos veciños e veciñas destas zonas”.

Durante a mesma sesión plenaria, a voceira socialista María Ares solicitou tamén a revisión do estado dos parques municipais ante a chegada do bo tempo, unha época na que aumenta o seu uso por parte das familias. Neste sentido, advertiu do “estado de deterioro” de espazos como o parque liñal do Río Cádavo e o parque Castelao, para os que pediu actuacións de mellora e acondicionamento de cara á primavera.

Ademais, o grupo municipal socialista reclamou información sobre a situación das obras da praza do Ameneiral (praza Verde), en Perlío, que “permanece valada sen que se iniciase ningún tipo de actuación, o que xera incerteza entre a veciñanza”.

Desde o PSOE de Fene insisten na necesidade de que o goberno local “actúe con maior planificación e dilixencia para atender demandas básicas do municipio e garantir uns servizos e espazos públicos en condicións axeitadas”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes