O PSOE de Coristanco denuncia que o Goberno municipal da “mal exemplo” ao depositar restos de poda no camiño público da Agualada
- Os socialistas critican o abandono da área recreativa e esixen a retirada inmediata dos residuos, a asunción de responsabilidades e medidas para evitar que se repitan este tipo de actuacións
O PSOE de Coristanco denuncia a “grave irresponsabilidade” do Goberno municipal tras comprobar que se depositaron restos de poda nun camiño público que conduce á área recreativa de Agualada, unha actuación que os socialistas consideran “inapropiada, inxustificable e contraria ao exemplo que debe dar unha administración pública”.
Desde o grupo socialista sinalan que esta situación evidencia “unha falta de respecto absoluta polos espazos públicos” e tamén “unha preocupante neglixencia na xestión municipal”, especialmente nun punto que dá acceso a unha zona de lecer que, segundo denuncian, leva anos en estado de abandono.
O voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, lamentou que “a área recreativa de Agualada leva demasiado tempo sen mantemento, sen limpeza e sen ningún tipo de atención por parte do Concello”. Ao seu xuízo, o deterioro deste espazo, que debería funcionar como lugar de encontro e goce para a veciñanza, “amosa a nula sensibilidade do alcalde cara este tipo de contornos, ausentes por completo das prioridades do Goberno municipal”.

Os socialistas consideran ademais “especialmente indignante” que, mentres o Concello presume de destinar recursos públicos á eliminación de vertedoiros ilegais e a campañas de concienciación ambiental, “sexa o propio Goberno municipal quen reproduza prácticas que logo lle recrimina á cidadanía”.
“Nin se pode pedir responsabilidade á veciñanza nin falar de concienciación ambiental cando o propio Concello actúa en sentido contrario. A exemplaridade institucional é fundamental para que calquera política pública sexa crible e efectiva”, subliñou Pérez Abelenda.
Desde o PSOE de Coristanco advirten tamén de que, máis alá do impacto visual e ambiental, a presenza de restos de poda nun camiño municipal pode provocar riscos para as persoas usuarias dunha contorna que debería estar en condicións axeitadas de uso e conservación. Por todo isto, os socialistas esixen ao Goberno municipal a retirada inmediata dos restos de poda depositados no camiño de acceso á área recreativa de Agualada, a asunción de responsabilidades políticas por esta actuación e a posta en marcha de medidas que garantan que non se volvan repetir feitos semellantes. “A cidadanía merece coherencia, respecto polos espazos públicos e unha xestión responsable dos recursos municipais”, concluíu o voceiro socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS