O PSOE de Coristanco denuncia a falta de marquesiña para os nenos e nenas de Codesido dende hai 7 meses
-Para o voceiro socialista José Manuel Pérez Abelenda é “incomprensible” como “tanto o concelleiro de Obras como o alcalde amosan tanta pasividade para repoñer o mobiliario que mandaron retirar”
-O Grupo Municipal Socialista presentará no vindeiro pleno unha moción na que reclamarán que se dea resposta ás demandas da veciñanza
O PSdeG-PSOE de Coristanco denuncia que dende hai 7 meses falta a marquesiña que as alumnado do lugar de Codesido, na parroquia de Oca, emprega para agardar ao bus escolar.
O Grupo Municipal Socialista presentará un rogo no pleno deste xoves para que se instale a cabina, trasladando deste xeito as queixas recibidas por parte da veciñanza da parroquia.
A marquesiña, que tiña uns 40 anos, presentaba danos importantes e supuña un risco para a rapazada que a empregaba para resgardarse mentras esperaban o bus. A propia veciñanza reclamou que se cambiase, aconsellada polo Goberno Municipal. Porén, a nova segue sen ser colocada.
Para o voceiro socialista José Manuel Pérez Abelenda “é incompresible como, despois de tanto insistir a veciñanza para que se sustituira a marquesiña, tanto o concelleiro de Obras como o alcalde amosan tanta pasividade para repoñer o mobiliario que mandaron retirar e que agora non repoñen”.
“Despois de 7 meses de que se retirara a marquesiña para sustituíla por unha en bo estado, a día de hoxe, a piques de rematar o curso escolar, a cativada segue sen ter onde abrigarse e teñen que estar dentro dos coches familiares ata que chega o bus”, denuncia o portavoz socialista.
Continúa o socialista dicindo que “esta é unha mostra máis da inacción por parte do goberno municipal, o que é especialmente grave cando estamos a falar dunha marquesiña que é utilizada polo estudantado da zona para protexerse da choiva, do vento e doutras condicións climatolóxicas”.
Pérez Abelenda apunta que “a retirada e a non substitución están a xerar preocupación e sorpresa, xa que esta decisión por parte do alcalde e concelleiro afecta negativamente ao benestar e seguridade dos más pequenos e pequenas”.
“Dadas as queixas e o descontento por parte da veciñanza de Oca, o Grupo Socialista presentará un escrito neste pleno de maio para que o Concello solucione a situación e se instale a marquesiña coa maior brevidade posible”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS