O PSOE de Cerdido rexeita os presupostos municipais, “cheos de erros de redacción”
O voceiro socialista Brais Prieto sinala ademais que os orzamentos “tiveron que agardar ata finais de xullo, noutra mostra máis de mala xestión”, e critica a súa falta de ambición
O PSdeG-PSOE de Cerdido vota en contra dos presupostos municipais, aprobados en solitario cos votos afirmativos do Partido Popular.
O voceiro socialista local, Brais Prieto, explica que este rexeitamento “vén motivado por estar os orzamentos cheos de erros de redacción, incluíndo o feito de que aparecese o nome de Oroso en varias ocasións en lugar do de Cerdido”.
Outro erro grave atópase “na subvención a unha asociación, na que aparecen distintas cantidades nas bases e na memoria da Alcaldía, e estas se atribúen ao ano 2023, indicando o propio alcalde que quizais se copiara e pegara do ano pasado”, lamenta Prieto.
“Non comprendemos como é posible que non se revisen a fondo os presupostos antes do seu envío a pleno”, critica o socialista. “O goberno local do PP continúa sin saber a que se dedicarán partidas do seu propio presuposto”, engade.
O voceiro explica que o Partido Socialista está “a favor das obras e actuacións recollidas nos presupostos que beneficien aos veciños, pero non no seu tempo e forma”.
Os socialistas lamentan tamén “a escasa ambición económica e de futuro dos presupostos, que tiveron que agardar ata finais de xullo, noutra mostra máis de mala xestión”.
“A este feito súmase o mal estado do paseo fluvial e de moitas outras zonas do Concello ao principio do verán, como beirarrúas e pistas, invadidas pola maleza”, engade o voceiro socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS