O PSOE de Carballo esixe responsabilidades trala sentenza que obriga ao peche da gasolineira da rúa Poñente e solicitará un pleno extraordinario no concello
-Reclaman que o Concello aclare se a cidadanía terá que asumir con fondos públicos a indemnización aos propietarios da gasolineira tras a anulación da licenza
O PSOE de Carballo anunciou que solicitará a convocatoria urxente dun pleno extraordinario no Concello de Carballo, logo de coñecerse a resolución xudicial que ordena o peche da gasolineira situada na rúa Poñente.
A decisión, que pon fin ao procedemento aberto arredor desta instalación, terá consecuencias directas para o Concello.
Desde o PSOE de Carballo esíxese ao goberno local que dea explicacións públicas e que asuma as responsabilidades derivadas desta sentenza. A formación considera imprescindible que se coñezan con claridade os efectos legais, administrativos e económicos desta resolución para o Concello e para a veciñanza.
“É necesario que se esclarezan de inmediato as repercusións desta sentenza para o Concello e que se depuren responsabilidades”, afirmou María Carmen Vila, voceira do PSOE de Carballo, quen avanzou que nos vindeiros días presentarán a solicitude formal para a convocatoria do pleno extraordinario.
“O obxectivo do pleno que solicitamos é que o goberno municipal de Carballo dea explicacións públicas ante a cidadanía”, explicou a socialista. A gasolineira, situada na rúa Poñente de Carballo, deberá cesar a súa actividade tras a decisión xudicial firme, o que reabre o debate sobre a xestión urbanística do executivo municipal e as súas consecuencias.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS