Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cambre sinala que “non é o momento de guerras políticas, hai que centrarse nos problemas da veciñanza”

  • Diego Alcantarilla responsabiliza a UxC por “ter causado que goberne o PP” e insta aos populares a “gobernar negociando con toda a oposición”

O portavoz do PSOE de Cambre, Diego Alcantarilla, realizou unha valoración da situación política actual no municipio, afirmando que “o grupo municipal socialista non vai entrar en guerras políticas nin en debates que non achegan solucións a Cambre”.

“Consideramos que o que se necesita é máis responsabilidade política, e centrarse nos problemas dos veciños”, manifestou Alcantarilla, que lembrou que “o momento no que se podía evitar que o Partido Popular chegase ao goberno municipal xa pasou, concretamente tras a dimisión da entón alcaldesa María Pan”.

“Tras a dimisión da alcaldesa postuleime como candidato á alcaldía para tentar articular unha alternativa progresista de esquerdas, que evitase que o Partido Popular asumise o goberno de Cambre”, subliña o socialista.  “Con todo, esa alternativa non prosperou”, apunta.

“Por unha banda, a abstención de Unión por Cambre permitiu que o Partido Popular accedese á alcaldía”, lamenta Alcantarilla. “Doutra banda, o portavoz de Alternativa dos Veciños decidiu presentarse tamén á investidura, o que supuxo que tampouco apoiase a alternativa de esquerdas que si contaba co apoio total do BNG”, continua o voceiro socialista.

Sinala pois a UxC como responsable de “ter causado que goberne o PP”, xa que “a situación política actual non é froito dunha casualidade, senón de decisións políticas concretas que facilitaron que hoxe o Partido Popular goberne o Concello”.

“Ante o escenario que agora se está expondo, non é o momento de guerras políticas, hai que centrarse nos problemas da veciñanza”, prosegue, salientando que “gobernar negociando con toda a oposición”.

“O que corresponde nestes momentos é que o Partido Popular sexa consciente, que parece que ás veces se lle esquece, de que goberna en minoría e actúe en consecuencia, negociando todas as decisións importantes co conxunto dos grupos da oposición, sen excepcións”, recalca. “O PSOE de Cambre seguirá traballando con responsabilidade  e cunha prioridade clara, a defender os intereses dos veciños e veciñas de Cambre por encima de calquera estratexia partidista, xa que precisamos solucións, non máis confrontación política”, conclúe.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes