O PSOE de Cambre esixe unha nova liña de autobús para o IES Alfonso X O Sabio e profesorado de apoio no CEIP de Sigrás
- O voceiro socialista local Diego Alcantarilla presentará no pleno deste xoves dúas mocións que buscan apoiar ás familias do estudantado destes centros
- “Igual que en Carral sucede en Cambre e en moitos centros da provincia, deixar o alumnado sen PTs e ALs é intolerable”, denuncia Alcantarilla
O PSdeG-PSOE de Cambre esixe unha nova liña de autobús para o alumnado do IES Alfonso X o Sabio e a dotación do profesorado de apoio necesario no CEIP de Sigrás e no resto dos centros educativos do municipio.
O Grupo Municipal Socialista levará dúas mocións ao pleno municipal para tratar estas cuestións, co obxectivo de apoiar ás familias e garantir os dereitos do estudantado.
Por unha banda levarán ao pleno deste xoves 25 as demandas das familias do IES Alfonso X o Sabio, porque, como denuncia o portavoz socialista Diego Alcantarilla, o alumnado de FP e Bacharelato non pode ir e volver en autobús ao centro.
Por outra banda, as concelleiras Mary Mer Prieto en Ana Rodríguez reuníronse de urxencia con Arantxa e Félix, pais dun alumno de 4º de infantil do CEIP Gonzalo Torrente Ballester de Sigrás, aos que se lles comunicou que non van ter a atención que precisa seu fillo.
“Igual que en Carral sucede en Cambre e en moitos centros da provincia, deixar o alumnado sen PTs e ALs é intolerable”, denuncia o voceiro socialista local.
“Con esta moción de urxencia queremos que a alcaldesa e os grupos da corporación insten á Consellería de Educación a rectificar e dotar ao colexio e a todos os centros de Cambre dos apoios necesarios”, sinalou Alcantarilla.
“En particular, queremos darlle unha solución ao fillo de Arantxa e Félix, porque as familias de alumnado con necesidades especiais merecen todo o noso apoio”, engadiu.
Segundo lle explicaron os pais do alumno de cuarto de infantil ás concelleiras e mais ao secretario de Educación e FP da Executiva Provincial Socialista, Xosé Lois García Carballido, no CEIP de Sigrás só hai un PT e un AL compartido, e o único coidador do centro atende outros dous casos de grandes discapacidades. Ademais, dende mañá mércores non estará e non hai previsión de que o sustitúan.
“A Consellería de Educación convocou en 2025 menos prazas aínda que na anterior oposición de 2024 de AL e PT, agora debe rectificar e contratar profesorado interino”, explicou García Carballido. “Carral, Cambre e moitos outros concellos da provincia están a sufrir os recortes en atención á diversidade, algo intolerable, e imos denuncialo no Parlamento de Galicia” manifestou o membro da executiva provincial.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS