Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cambre denuncia a “xestión opaca” do concello na tramitación do POS

  • Ante a existencia de prazos límite e o risco de perder o POS se non se aprobaba o expediente, o grupo socialista decidiu “actuar con responsabilidade institucional, votando a favor”

O Grupo Municipal Socialista de Cambre votou a favor da aprobación do POS+2026, cun importe total de 1.177.969,38 euros, nun pleno extraordinario “marcado pola falta de diálogo do goberno do PP e pola xestión opaca da información durante a tramitación do expediente”.

“Desde o primeiro momento, o PSOE manifestou o seu rexeitamento á inclusión do proxecto do arquivo municipal que llevaba o PP na sua proposta, ao considerar que non é unha prioridade para o concello e que foi incorporado ao POS sen consenso previo, a pesar de existir unha oposición maioritaria dentro da Corporación municipal”, afirman dende o Grupo Municipal Socialista.

Durante as intervencións no pleno, o grupo advertiu de que “o goberno do PP, con só catro concelleiros, está a utilizar o POS como ferramenta de presión, vinculando investimentos necesarios para Cambre cun proxecto amplamente cuestionado, o que supón unha imposición encuberta”.

“Un dos feitos máis graves produciuse no tramo final do debate, cando a alcaldesa indicou que o proxecto do Apeadeiro de Cecebre, presentado por UxC na súa emenda, xa se atopaba licitado”, engaden dende o PSOE.

“Esta información non fora aclarada nas comisións informativas do martes á oposición, a pesar de ser un dato esencial que condicionaba completamente a viabilidade da emenda e a toma de decisións por parte dos grupos municipais”, indican.

Desde o PSOE considérase que “non dar esta información tan relevante ata o final do debate plenario compromete a transparencia institucional e impide un debate político limpo e informado”.

Ante a existencia de prazos límite e o risco real de perder o POS se non se aprobaba o expediente, o Grupo Municipal Socialista decidiu “actuar con responsabilidade institucional, votando a favor da proposta do goberno para garantir que Cambre non perdese nin un só euro de investimento”.

“Ese voto responsable permitiu tamén arrincar un compromiso público e explícito da alcaldesa, adquirido en pleno xa que chegado o momento do POS+2026 Adicional, o proxecto do arquivo municipal será revisado e substituído por outro proxecto, en consenso coa oposición según prometeu”, apuntan.

Desde o PSOE reclámase ao goberno municipal do PP “un cambio profundo na súa forma de gobernar, apostando pola planificación con tempo, o diálogo real coa oposición, e a transparencia na información facilitada ao pleno”.

“O futuro de Cambre non pode depender de información que se oculta ata o final dos debates nin de expedientes tramitados de costas á maioría da Corporación”, sinala o voceiro socialista Diego Alcantarilla, que advirte de que os próximos POS, os investimentos futuros e mesmo os orzamentos municipais esixirán “consenso, diálogo e lealdade institucional”.

“O PSOE de Cambre reafirma así o seu compromiso cunha política responsable, rigorosa e centrada no interese xeral, defendendo os investimentos necesarios para o concello sen renunciar a esixir transparencia e respecto democrático”, conclúe.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes