Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cambre denuncia “a ruptura unilateral do diálogo do goberno do PP co persoal municipal”

  • O portavoz socialista, Diego Alcantarilla, lamenta a “falta de respecto institucional” do goberno de Diana Piñeiro cara ao persoal e esixe que o PP “deixe de culpar aos demais e empece a gobernar con responsabilidade”

O Grupo Municipal Socialista de Cambre reuniuse con representantes do persoal municipal tras a ruptura unilateral do diálogo con estes por parte do goberno do PP, unha decisión que “xerou un profundo malestar e que demostra, unha vez máis, a incapacidade do actual equipo de goberno para xestionar con rigor e empatía”.

Así o afirmou o voceiro socialista local Diego Alcantarilla, que apuntou que o goberno da alcaldesa Diana Piñeiro “decidiu romper o diálogo cos traballadores e traballadoras en lugar de escoitarlles, entender os seus problemas e buscar solucións”.

Para Alcantarilla, isto é “unha mostra máis do seu autoritarismo e da falta de respecto institucional cara a quen sostén día a día o funcionamento do Concello”, en referencia a Piñeiro.

O portavoz socialista incidiu en que as demandas do persoal municipal “non son privilexios nin caprichos, senón dereitos básicos e obrigacións legais que o goberno do PP está a incumprir sistematicamente”.

“Estamos a falar de nóminas que non se pagan en prazo, axudas económicas atrasadas dos anos 2022, 2023 e 2024, comisións obrigatorias sen convocar e unha Carreira Horizontal bloqueada desde hai meses”, denunciou Alcantarilla, que salientou que “estes son só algúns dos numerosos problemas que se están a vivir no Concello de Cambre”.

O voceiro do PSdeG local acusou ao goberno de Piñeiro de actuar con “soberbia e desorganización”, xerando “unha situación insostible que repercute directamente na calidade dos servizos públicos”.

“O PP de Cambre non só despreza o diálogo cos representantes sindicais, senón que castiga ao propio persoal, ao que sobrecarga de traballo, ignora na negociación e ningunea publicamente”, subliñou. “Quen paga as consecuencias deste caos é a cidadanía, que ve como se retardan os servizos municipais mentres o goberno bota balóns fóra”, engadiu. Por último, Diego Alcantarilla quixo trasladar o apoio do Grupo Municipal Socialista a todo o persoal municipal: “O PSOE de Cambre estará á beira dos traballadores e traballadoras, esixindo diálogo real, transparencia e cumprimento da legalidade”. “Gobernar non é confrontar co persoal público, é recoñecer o seu esforzo e dotalo dos medios e o respecto que merece”, concluíu.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes