Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cabanas reúnese co delegado do Goberno para propoñer melloras na humanización da N-651 no municipio

  • O Grupo Municipal Socialista solicitou a Pedro Blanco Lobeiras, entre outras cuestións, ampliar a humanización no tramo entre o cruce de Cardeita e a rotonda da Ponte de Pedra

O Grupo Municipal Socialista de Cabanas mantivo unha reunión de traballo co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, para abordar o avance do proxecto de humanización da N-651 ao seu paso polo municipio.

Durante o encontro, o PSdeG-PSOE local trasladou ao delegado “a necesidade de que a actuación non se limite á proposta inicial e aposte por unha intervención máis ambiciosa e útil para a veciñanza”.

En concreto, o grupo socialista defendeu que, ademais da construción da rotonda no cruce de Cardeita prevista na primeira redacción do proxecto, se amplíe a humanización no tramo comprendido entre ese punto e a rotonda do Ponte de Pedra.

Esta ampliación, no límite entre Cabanas e Pontedeume, tería como obxectivo garantir continuidade peonil, mellorar a seguridade viaria e consolidar un eixo urbano máis accesible e amable. A concelleira socialista Beatriz Carbón subliñou que “humanizar é moito máis que executar unha obra: é asegurar que despois funcione cada día”.

Nesta liña, puxo tamén enriba da mesa a importancia de que o tramo humanizado poida ser cedido ao Concello a efectos de xestión e mantemento, unha fórmula que permitiría “un mando único e unha resposta máis áxil ante calquera incidencia, evitando demoras e conflitos competenciais”.

Ademais, destacou que a cesión suporía tamén “unha oportunidade para que o Concello conte con ferramentas reais de ordenación do espazo público e de sostibilidade económica”.

“Se a vía se integra como espazo urbano, o Concello poderá ordenar usos, facilitar a actividade económica e, cando proceda, aplicar as taxas e licenzas vinculadas ás ocupacións e aproveitamentos do dominio público, revertendo eses recursos no mantemento e na mellora do propio tramo”, sinalou Carbón.

Dende o Grupo Municipal Socialista valoran de maneira positiva a receptividade do delegado do Goberno e reiteran “o seu compromiso de seguir traballando para que Cabanas aproveite esta oportunidade de investimento estatal para transformar un punto estratéxico do municipio”. “A N-651 é unha porta de entrada a Cabanas e tamén un eixo de convivencia, queremos unha estrada máis segura, máis accesible e pensada para a xente”, concluíron.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes