Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE da Laracha reclama solucións para as persoas afectadas pola anulación dos carnés fitosanitarios

-Inés Ramos López defenderá no próximo pleno unha moción que solicita un plan urxente de formación para permitir a recuperación dos carnés


O PSdeG-PSOE da Laracha reclama que o Concello axude ás persoas afectadas pola anulación dos carnés de uso profesional de produtos fitosanitarios a recuperar as súas titulacións.

A voceira socialista local Inés Ramos López defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción do Grupo Municipal Socialista que solicita, entre outras medidas, un plan urxente de formación que favoreza a recuperación dos carnés.

A anulación produciuse hai uns días, cando centos de profesionais do sector agrícola viron invalidados os seus carnés expedidos hai anos en cursos impartidos no Bierzo, xa que foron posteriormente considerados fraudulentos por unha sentenza da Audiencia Provincial de León.

Isto implicou a súa baixa no Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de Medios de Defensa Fitosanitaria (ROPO), o que impide a compra legal destes produtos, dificultando gravemente o desenvolvemento da actividade agrícola.

Estímase que hai arredor de 7.600 persoas afectadas, concentrándose un número importante delas nos concellos de Carballo e da Laracha. A situación actual está a provocar tensións no sector, ao coincidir coa plena campaña de tratamentos fitosanitarios.

“A pesar de que esta situación era coñecida desde hai anos, xa que a sentencia é de 2023, as administracións competentes non tomaron medidas preventivas nin artellaron unha solución anticipada para garantir a continuidade da actividade agraria”, lamenta Ramos López.

“É responsabilidade das administracións locais artellar solucións para garantir o dereito ao traballo da cidadanía e apoiar o sector primario, que xa suficientes dificultades está sufrindo nos últimos anos”, engade.

A voceira subliña que “outros concellos da comarca, como Coristanco, están a promover cursos oficiais para facilitar que as persoas afectadas poidan obter de novo o carné sen necesidade de desprazamentos”.

“Por todo isto solicitamos o Concello da Laracha habilite de inmediato un plan urxente de formación, en colaboración con entidades homologadas, para que as persoas afectadas pola anulación dos carnés poidan realizar a formación e exames necesarios”, explica a socialista.

Ramos López pide tamén “que se habilite un punto de información e inscrición, por exemplo na Casa da Cultura ou na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, para facilitar a inscrición”, e que se realice unha campaña de difusión informativa. Finalmente, solicitan “que o Concello inste á Consellería do Medio Rural a reforzar os recursos de AGACAL, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para garantir que os exames e a emisión dos carnés se fagan con celeridade e sen colapsos”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes