Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE da Laracha reclama a baixada dos prezos do servizo de madrugadores nos centros educativos do municipio

O PSdeG-PSOE da Laracha reclama ao Concello que os prezos do Servizo de Madrugadores nos centros educativos do municipio volvan ser os do curso pasado, logo da subida aprobada no mes de maio.

“O Grupo Municipal Socialista manifestouse dende un primeiro momento contrario a esta suba e foi o único grupo que votou en contra cando esta foi incluída na modificación do Plan Harmoniza no pleno do mes de abril”, explica a voceira socialista local Inés Ramos López.

O Plan Harmoniza de conciliación familiar na Laracha inclúe tanto o servizo de madrugadores, dispoñible durante o curso escolar antes da entrada a clase, como o servizo de vacacións.

As porcentaxes de subida varían entre un 22,38% e un 97,84% dependendo do centro. O servizo de mes completo con almorzo subiu 21,80€ nos CEIP de Caión e Otero Pedrayo, e 27,52€ no caso do CEIP Alfredo Brañas, quedando unha tarifa mensual para os tres centros de 65,00€.

“Non cremos que a mellor maneira de apoiar as familias sexa incrementando os gastos que teñen nestes momentos nos que a vida é moi cara”, subliña a voceira socialista.

Ramos López critica ademais que “cando isto se aproba non se comunica a suba ás persoas que fan uso do servizo, non se pon en coñecemento das ANPAs, e teñense que enterar polo BOP”.

Ademais da suba de prezos, a socialista sinala tamén que “no caso de ser unha persoa que use esporadicamente este servizo teste que anotar con 48 horas de antelación”.

“Non ten moito sentido nun servizo que podes usar de forma esporádica, porque xurde unha urxencia ou pasa calquera cousa imprevista”, indica a voceira.

O Grupo Socialista Local apoia deste xeito o escrito enviado polas nais, pais e titores do alumnado dos centros educativos da Laracha ao alcalde, no que se critica tamén a xestión do cobro, os baremos das bonificacións, o prazo de inscrición ou o número mínimo de usuarios fixos para a posta en marcha do servizo.

“Coidamos que se deben modificar para poder garantir unha conciliación familiar e laboral real, efectiva, accesible e de calidade”, apunta o escrito en referencia a todas estas cuestións.

“Todo isto pode desembocar que nun futuro algún CEIP desapareza por falta de crianzas, por falta de servizos de conciliación cada vez máis necesarios na sociedade actual”, advirten.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes