O PSOE da Laracha presentará emendas á ordenanza das taxas deportivas
- O grupo socialista critica que a proposta do goberno local supón un incremento das taxas e non fomenta o deporte
O martes 28 de outubro celebrarase un pleno extraordinario no Concello da Laracha no que o Grupo Municipal Socialista da Laracha anunciou que presentará emendas á ordenanza fiscal 3.5, relativa á taxa pola xestión de reservas nas instalacións deportivas municipais.
O obxectivo, segundo explica a voceira socialista, Inés Ramos, “é mellorar a ordenanza e avanzar cara á dixitalización das instalacións deportivas e á implantación dun sistema de tarifas variables segundo a demanda horaria, facendo o servizo máis eficiente e accesible para todos os veciños”. De igual xeito, destacou a importancia de que se estableza un sistema de reserva online, “pois non todo mundo pode ir ao Concello para reservar, tendo en conta as limitacións horarias en que este está aberto”.
A representante socialista tamén advertiu de que a modificación presentada polo goberno municipal “só ten un fin recadatorio, pois non fomenta o deporte”. Como exemplo, indicou que “o uso dos pavillóns municipais por 60 minutos pasará de custar 6 euros a 15, máis do dobre”.
Ramos lamentou ademais que non se inclúan descontos para persoas empadroadas na Laracha nin exencións para colectivos como persoas con discapacidade ou familias numerosas, e insistiu na necesidade de que o Concello “publique de forma transparente o custo real do uso das instalacións deportivas e os ingresos obtidos a través destas taxas”. Inés Ramos finalizou explicando que, en conxunto, “trátase de modernizar a xestión das instalacións deportivas e adaptala á realidade actual, garantindo unha administración máis transparente e próxima á cidadanía”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS