Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE da Laracha esixe transparencia e participación veciñal no proxecto da central hidroeléctrica en Montemaior

  • O proxecto, que prevé un investimento de 120 millóns de euros, incluiría a creación dunha mesa de seguimento con veciños e veciñas

O PSdeG-PSOE da Laracha, a través da súa portavoz Inés Ramos, manifestou o seu “apoio absoluto” aos veciños e veciñas de Montemaior e do conxunto do municipio ante o anuncio da futura instalación dunha central hidroeléctrica de bombeo promovida por Gnera Enerxía, un proxecto que suporía un investimento de 120 millóns de euros.

Dende o Grupo Socialista sinalan que é “imprescindible que a cidadanía sexa informada con claridade, participe activamente e sexa escoitada antes de tomar calquera decisión definitiva sobre a ubicación concreta do proxecto en Montemaior”. A voceira destacou que “un investimento desta magnitude precisa a máxima transparencia e un proceso aberto no que os veciños poidan coñecer con detalle o impacto no territorio, no medio ambiente e na vida diaria da parroquia”. Ademais, esixiu “datos claros sobre o uso e posible afectación da auga, do patrimonio natural e arqueolóxico, e dos terreos e vivendas particulares”.

“Os veciños e veciñas teñen dereito a formar parte deste proceso. Por iso, demandamos a convocatoria inmediata dunha reunión pública de información e a creación dunha mesa de seguimento coa veciñanza afectada. Non aceptaremos que se determine a localización da central sen contar coa veciñanza nin sen facilitar toda a información necesaria de forma completa e accesible”, afirmou Inés Ramos.

Así mesmo, o PSOE da Laracha reclama que o Concello actúe con “total rigor”, garantindo que non se concederá ningún permiso municipal se a empresa promotora non “cumpre estritamente con toda a legalidade vixente, incluídos os requisitos urbanísticos, ambientais e de seguridade”, explicou a voceira socialista.

A voceira rematou pedíndolle ao alcalde que “poña os intereses dos veciños por diante de calquera presión empresarial e que asegure un proceso exemplar en transparencia e cumprimento normativo”.

De igual xeito, o PSOE da Laracha sinala que se manterá “vixilante e ao carón da veciñanza de Montemaior”, impulsando todas as accións necesarias para garantir que, se o proxecto se desenvolve, se faga con todas as garantías legais, coa participación pública correspondente e co establecemento de compensacións “xustas e duradeiras” para o concello e os seus habitantes.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes