O Grupo Municipal Socialista da Laracha manifestou a súa indignación pola “falta de capacidade” do Concello na súa xestión do financiamento dos traballos de humanización da rúa Jose Manuel Ferreira Penedo.
A voceira socialista local Inés Ramos denunciou que finalmente será o propio Concello quen deba asumir a totalidade dos 100.000 euros de custo da obra debido á falta de presentación de documentación requirida pola Deputación da Coruña.
Segundo explicou Ramos, inicialmente a obra estaba prevista como un proxecto de cofinanciamento entre ambas administracións. O Concello solicitara unha subvención de 80.000 euros á Deputación, comprometéndose a achegar os 20.000 euros restantes.
Porén, segundo sinala a socialista, cando o ente provincial solicitou determinada documentación para tramitar a axuda, o goberno municipal non presentou ningún documento, o que provocou o arquivo do expediente e a perda da subvención.
“Agora, por culpa da nefasta xestión do Concello, terá que asumir a totalidade do custo da obra, cando con 20.000 euros podería tela executado e destinar os 80.000 euros restantes a outras melloras para a veciñanza”, lamentou a voceira socialista. “Isto é unha mostra máis da falta de rigor e capacidade do actual goberno municipal”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS