Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE carga contra o nomeamento de Santiago Freire en Educación, investigado polo Consello de Contas, sen experiencia docente e rodeado de polémicas

  • Os socialistas afean que Rueda coloque á fronte da dirección territorial da Coruña ao exalcalde de Noia, coñecido polos seus chistes machistas e franquistas

O PSdeG da provincia da Coruña denuncia o “total desinterese” da consellería de Educación por atender as necesidades reais da comunidade educativa da provincia, tras o nomeamento do novo director territorial de Educación na Coruña. Os socialistas consideran que esta designación evidencia que a Xunta “non só non rectifica ante o malestar das familias, senón que afonda no seu desprezo polo mundo educativo”. Neste sentido, lembran que na última reunión da Executiva Provincial coa Federación Provincial de ANPAs se puxo de manifesto a fonda preocupación das familias pola situación do ensino público, marcada polas carencias en obras e melloras nos centros, así como polos recortes de profesorado que afectan á provincia.

Ademais, segundo trasladaron as ANPAs ao PSdeG, o anterior director territorial non recibiu á Federación en todo o curso, malia as reiteradas demandas e ao crecente malestar da comunidade educativa. Para os socialistas, lonxe de atender esta situación, a resposta da consellería foi un nomeamento que cualifican de “absolutamente desacertado”.

“Na última reunión que tivemos da Executiva Provincial coa Federación Provincial de ANPAs, ademais de valorar a indignación das familias polo desastre nas carencias de obras nos centros públicos e os recortes de profesorado na provincia, alertaron de que o director territorial non as recibiu en todo o curso. Que a resposta da consellería sexa nomear a Santiago Freire amosa que, en vez de rectificar, a Consellería despreza o mundo educativo”, sinalan desde o PSdeG provincial.

O novo director territorial, unha persoa investigada polo Consello de Contas

Pola súa banda, o deputado do PSdeG no Parlamento de Galicia Aitor Bouza criticou con dureza a designación do exalcalde de Noia como novo responsable territorial de Educación na provincia da Coruña. “Despois dos seus chistes machistas, despois dos seus chistes franquistas e despois de que o Consello de Contas o fiscalizara e estea investigando os seus gastos como exalcalde de Noia, Rueda decide nomealo director territorial de Educación”, denunciou Bouza, en referencia ao nomeamento publicado no Diario Oficial de Galicia.

O portavoz socialista de Educación no Parlamento galego ironizou con que esa é “a conduta que quere como modelo o Partido Popular para un posto tan importante” nun ámbito “tan sensible” como o educativo. Bouza lamentou “profundamente” que esta sexa “a aposta” do presidente da Xunta para a dirección territorial de Educación na Coruña e advertiu de que este nomeamento marca unha liña política moi preocupante. “Como lle pasou a Feijóo, polas súas compañías os coñeceremos. Xa imos vendo por onde quere continuar Rueda o seu mandato no ámbito educativo”, concluíu.

Chamamento a atender á comunidade educativa

Desde o PSdeG da provincia da Coruña insisten en que a prioridade da Xunta debería ser dar resposta ás demandas da comunidade educativa, atender ás familias e traballar para resolver os problemas reais que padecen os centros públicos da provincia.

Os socialistas reclaman á consellería de Educación que abandone a súa actitude de desatención e soberbia, recupere o diálogo coas ANPAs e co conxunto da comunidade educativa e poña no centro das súas decisións as necesidades do alumnado, do profesorado e das familias.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes