Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG súmase á denuncia da Asociación de Empresarios de Ribeira e advirte de que a gasolineira de Xarás pode condicionar o futuro do polígono

  • Segundo o PSdeG, “Ribeira leva décadas agardando por chan industrial e non podemos permitir que unha decisión do PP cunha licenza acabe condicionando un proxecto estratéxico para o futuro do noso Concello”

O PSdeG-PSOE de Ribeira súmase á reclamación da Asociación de Empresarios de Ribeira, compartindo “a súa preocupación pola falta de impulso do PP, tanto desde a Xunta de Galicia como desde o Concello, para sacar adiante o proxecto do polígono industrial, unha infraestrutura imprescindible para o futuro económico de Ribeira”.

Dende o Partido Socialista consideran que “os empresarios están poñendo enriba da mesa unha realidade evidente, que Ribeira leva décadas agardando por unha solución real para dispoñer de chan industrial en condicións, mentres empresas, autónomos e novos proxectos seguen sen contar cun espazo axeitado para crecer, implantarse ou consolidar a súa actividade”.

“Ribeira necesita chan industrial e non pode seguir paralizada”, afirma o portavoz socialista local Fran Suárez-Puerta “Os que supostamente viñan acabar coa parálise non están facendo nada”, engade.

Suárez Puerta lamenta que “todo segue igual ou peor que antes de outubro, por falta de vontade política ou por incompetencia”. Sinala que “o PP goberna en Ribeira e na Xunta, polo tanto xa non teñen a quen botarlle a culpa”.

Advirte, ademais, de que o futuro industrial de Ribeira “pode verse hipotecado pola posible sanción derivada da gasolineira de Xarás, especialmente se a Xunta, que ten competencias en materia de Industria, non asume as súas responsabilidades e obriga o Concello a facer fronte a unha carga económica que podería comprometer proxectos estratéxicos”.

O socialista indica que a prioridade da formación “é clara, Ribeira precisa chan industrial, porque sen chan industrial non hai capacidade para atraer investimento, nin para que medren as nosas empresas, nin para xerar novas oportunidades de emprego.

“Defendemos que o polígono debe avanzar, o que non pode pasar é que unha mala decisión do PP acabe condicionando o futuro económico de todos”, apuntou Suárez-Puerta.

Insiste en que “o que está a dicir o presidente da Asociación de Empresarios é algo evidente, Ribeira non pode seguir sen polígono industrial”. “Nós compartimos plenamente esa reclamación, o Concello e a Xunta teñen que deixar de falar en abstracto e poñer enriba da mesa prazos, solucións e cumprir cos seus supostos compromisos”, salienta o voceiro socialista. Por todo isto, o PSdeG local reclama á Xunta de Galicia e ao goberno local que “impulsen de maneira inmediata os trámites necesarios para facer posible o polígono industrial de Ribeira”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes