O PSdeG sitúa en Santiago a defensa das pensións, dos salarios e dos dereitos sociais no centro do debate electoral
- O candidato ao Senado Sindo Guinarte participou hoxe nun encontro con alcaldes, candidatos e representantes socialistas da comarca de Santiago, no que abordou a importancia das eleccións do 29 de novembro para o futuro das políticas de protección social
O PSdeG-PSOE celebrou este sábado un encontro con candidatos, cargos públicos e representantes orgánicos da comarca de Santiago no Paseo dos Leóns da Alameda, no marco da campaña das eleccións xerais do próximo 29 de novembro.
No acto participaron Sindo Guinarte, candidato ao Senado pola comarca de Santiago; Ana Alvite, candidata ao Congreso; Aitor Bouza, deputado autonómico; José Blas García Piñeiro, alcalde de Ames; e Antonio Leira, deputado provincial, xunto con voceiros, concelleiros e outros representantes socialistas da comarca.
Os socialistas situaron a defensa das pensións públicas, a mellora dos salarios, a igualdade entre mulleres e homes e a protección dos dereitos sociais entre os principais asuntos do debate electoral.
O candidato ao Senado, Sindo Guinarte, destacou a transcendencia destas eleccións para a continuidade das políticas sociais impulsadas durante os últimos anos polo Goberno de España.
“O voto do día 29 de novembro ten que servir para defender as pensións, o salario mínimo e os dereitos das mulleres”, sinalou Guinarte.

O candidato abordou tamén a posición do PSOE sobre a concentración do voto progresista nas eleccións ao Congreso e ao Senado. Guinarte sostén que a dispersión do voto entre candidaturas sen posibilidades de obter representación podería favorecer, ao seu xuízo, a representación parlamentaria do PP e Vox.
Neste sentido, o candidato socialista enmarcou a cita electoral nun debate sobre a continuidade das políticas de revalorización das pensións, a mellora das condicións laborais e a ampliación dos dereitos sociais.
O PSdeG tamén sitúa entre as súas prioridades a redución da fenda salarial entre mulleres e homes, a igualdade de oportunidades no ámbito laboral e a protección dos dereitos conquistados en materia de igualdade durante as últimas décadas.
A formación socialista advirte do risco de retrocesos nestas políticas ante un posible goberno do PP e Vox, unha preocupación expresada tamén pola candidata ao Congreso Ana Alvite durante o encontro celebrado esta mañá en Noia.
O acto da Alameda forma parte das actividades que o PSdeG está a desenvolver ao longo da campaña nos distintos municipios da provincia da Coruña, coa participación de candidatos e representantes municipais, provinciais e autonómicos.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS