Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reúnese coa directiva do COAG para abordar a situación actual da vivenda

Sindo Guinarte, Abel Losada e Aitor Bouza participaron no encontro, no que se abordou a situación actual do sector e os desafíos en materia de acceso á vivenda


O PSdeG-PSOE mantivo unha reunión coa directiva do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), na súa sede de Santiago de Compostela, nun encontro que permitiu afondar na situación da vivenda en Galicia e coñecer de primeira man a visión dos profesionais da arquitectura sobre a realidade e os retos que afronta o sector. 

Na reunión participaron Sindo Guinarte, candidato ao Senado pola Coruña; Abel Losada, cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra; e Aitor Bouza, parlamentario autonómico. Ao longo do encontro, os representantes socialistas e a directiva do COAG tiveron ocasión de abordar as distintas perspectivas sobre esta realidade e compartir reflexións arredor dos desafíos actuais da vivenda. 

Neste contexto, o PSdeG-PSOE vén denunciando a falta de políticas da Xunta nesta materia e as trabas que, ao seu xuízo, está a poñer o Goberno galego á aplicación da Lei de vivenda aprobada polo Executivo de Pedro Sánchez. O candidato socialista ao Senado pola Coruña, Sindo Guinarte, lembrou que, durante os 13 anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo, Galicia practicamente non construíu vivenda de protección pública, a pesar de ter as competencias nesta materia. 

Guinarte explicou que, malia corresponderlles ás comunidades autónomas as competencias en vivenda, o Goberno de España aprobou unha lei que establece un marco para conter e baixar os prezos do aluguer a través da declaración de zonas residenciais tensionadas, unha ferramenta que deben aplicar as autonomías. 

“A comunidade autónoma de Galicia non fai máis que poñer paus nas rodas para dificultar a aplicación das medidas que establece esa lei de vivenda”, denunciou o candidato socialista, que puxo como exemplo o atraso na declaración de Santiago como zona residencial tensionada. 

Neste sentido, criticou que a Xunta negase primeiro que os fondos estatais destinados ás zonas tensionadas fosen directamente aos concellos e que, despois, os condicionase a fins concretos sen deixar que sexan os propios concellos os que decidan en que se gastan. “Son fondos que veñen do orzamento do Estado, non da comunidade autónoma”, subliñou. 

“O PP en vivenda, cero. O Partido Socialista, aínda non tendo competencias, aprobou unha lei de vivenda para facilitar que o prezo do aluguer se poida conter e poida baixar, como xa se demostrou que está a pasar, por exemplo, en Barcelona”, afirmou Guinarte. 

Pola súa banda, o cabeza de lista socialista ao Congreso por Pontevedra, Abel Losada, cuestionou a proposta de Feijóo de construír un millón de vivendas desde o Goberno de España e lembrou a súa xestión en Galicia cando tiña as competencias nesta materia. 

“Ese millón de vivendas que pensa facer dende o Goberno de España, home, estaría ben predicar co exemplo. En Galicia, onde tiña as competencias, non foi capaz de facer ningunha en 13 anos”, sinalou Losada, quen cualificou estas propostas de “armas de engano masivo” e de “falta de respecto aos cidadáns”. 

Losada cuestionou ademais o modelo do PP baseado na liberación do solo. “Xa sabemos de maneira empírica que non funciona. O prezo da vivenda continúa aumentando e o único que ocorre é que os cidadáns de a pé teñen máis dificultades para acceder a unha vivenda e os amigos do Partido Popular fanse cada vez máis ricos construíndo vivendas”, concluíu.


Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes