-Así o expresou o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro nunha rolda conxunta co voceiro local Ángel Mato
-Mato quixo “poñer en valor que hoxe chegou a Ferrol o submarino S-81 Isaac Peral, así como a importancia de manter en Europa unha política de seguridade”
O PSdeG Provincial da Coruña deu unha rolda de prensa en Ferrol para reivindicar os investimentos do Goberno de España en defensa e as súas consecuencias para o sector naval e o conxunto da comarca.
O voceiro socialista local Ángel Mato quixo “poñer en valor que hoxe chegou a Ferrol o submarino S-81 Isaac Peral, así como a importancia de manter en Europa unha política de seguridade”.
“Coa chegada de Pedro Sánchez ao Goberno púxose en marcha o programa de construción do novo submarino S-80 ou a da serie de fragatas F-110 en Ferrol, que vai xerar carga de traballo durante os próximos dez anos”, comezou.
Mato destacou que “cada euro que se inviste en seguridade son €3 que repercuten na economía en xeral e que, ademais, concretamente en Ferrol representan actividade económica durante décadas”.
“Hai que botar só un pouco a vista atrás para pensar cal foi a resposta comercial que xurdiu despois da fabricación das fragatas F 100, pois vendéronse ese tipo de buques a países como Australia ou Noruega”, salientou o socialista.
Aproveitou a ocasión para criticar “a hipocrisía de defender a necesidade de que haxa máis carga de traballo no sector naval e ao mesmo tempo cuestionar, como fixo o portavoz do BNG no Congreso, ese incremento do gasto do 2% en defensa”.
Para o socialista isto “ten un paralelismo importante con cando en relación coa eólica mariña protestábase polos despedimentos de Gamesa nas Somozas e ao mesmo tempo dicíase que o sector eólico non se podía desenvolver nin en augas galegas nin tampouco sobre o terreo”.
Pola súa banda, o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro sinalou que “a moción do BNG para rexeitar o incremento do gasto en defensa da UE é totalmente inconcibible e contraditoria”. “Terá que explicar á señora Pontón por que se di unha cousa nun sitio e a contraria noutro”, apuntou.
Subliñou que “a construción naval garante estabilidade nun sector que permite xerar emprego de calidade, cunhas condicións laborais que están moi por enriba das doutros sectores”.
“Facemos un chamamento á responsabilidade do BNG para deixar de lado ese tipo de pensamentos xa trasnoitados e anticuados nun escenario xeopolítico a nivel mundial que mudou 180 graos en cuestión de semanas”, advertiu Fernández Piñeiro.
“Vimos dunha pandemia que nos ensinou que temos que ser autosuficientes, e agora temos unha nova lección sobre a mesa, que é que temos que ser autosuficientes en canto á defensa non cunha motivación ofensiva, senón disuasoria”, explicou o secretario provincial.
O socialista lamentou tamén que o BNG “rexeite enerxicamente a invasión de Palestina por parte de Israel, pero o faga con moita ambigüidade no caso de Ucraína”. “Nós somos o único partido que condena ambas invasións”, aseverou.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS