- Sandra Ínsua e Patricia Iglesias critican o “abandono” do sector por parte da Xunta
O PSdeG-PSOE denuncia o “abandono” do sector marisqueiro de Camariñas e da Costa da Morte por parte do Partido Popular e a Xunta e reclámalles que apoie no Congreso dos Deputados a iniciativa socialista para eximir a mariscadoras e mariscadores de pagar as cotas de Seguridade Social.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, criticou a maneira de actuar da deputada autonómica do PP Paula Mouzo: “Moito demandar ó Estado, pero cando se trata de demandar a Xunta baixa a cabeza”
“A situación do marisqueo de Camariñas non é como a do resto de Galicia, necesita unha solución única” afirma a rexedora socialista.
Pola súa banda, Patricia Iglesias, deputada socialista no Parlamento de Galicia, sinalou que “en Camariñas non fallou o mar, fallou a Xunta”. “Son anos de abandono, anos de mirar para outro lado cos bancos marisqueiros no concello de Camariñas e nas rías da Costa da Morte” apuntou.
“A Xunta de Galicia, é importante poñelo de manifesto, ten as competencias exclusivas en marisqueo e na xestión das rías”, salienta Iglesias, que critica que o Goberno da Xunta “deixou pasar anos e meses sen actuar mentres o sector avisaba dunha situación absolutamente límite”.
A socialista lembra que en decembro deste ano “xa se advertía do colapso, e mentres tanto o goberno galego non fixo nada, mirar para outro lado”. “Iso non é unha crise inevitable, é só un abandono, unha política de brazos caídos”, lamentou.
“Cando reaccionaron, fixérono tarde e mal, con anuncios confusos, con cambios de criterio, ningunha solución real para as mariscadoras de Camariñas” denuncia Iglesias.
Subliñou que o Goberno de España “puxo enriba da mesa unha medida concreta que o sector levaba tempo reclamando”: presentou no Congreso dos Deputados unha modificación lexislativa para eximir ás mariscadoras de pagar as cotas de seguridade social, con efectos retroactivos mentres dure a paralización de actividade.
“Agora xa non hai escusas, e a responsabilidade é do goberno galego, é do señor Rueda e dos deputados, ademais, galegos do PP no Congreso en Madrid” indica a parlamentaria. “Terán que decidir se están coas mariscadoras galegas e do concello de Camariñas ou se seguen dándolle as costas”, destaca.
“Pedimos, por tanto, dende o Partido Socialista de Galicia un plan específico e integral para o marisqueo da ría de Camariñas e axudas directas específicas para este banco”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS