Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclámalle ao goberno local de Carballo que catalogue o Casino como edificio protexido

  • Defenderá no pleno do luns que se salvagarde de calquera interese especulativo un inmoble que forma parte da historia da vila “e do patrimonio cultural de todos os carballeses e carballesas”
  • Destaca “o apoio masivo” da veciñanza á pervivencia da sede da Sociedade Recreativa e Cultural de Bergantiños, tal como se demostrou cunha colecta de 70.000 euros nunha soa semana
  • O grupo municipal socialista recorda que a Lei de Patrimonio de Galicia ampara todas as construcións civís de uso comunitario que daten de antes de 1926, como é o caso

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Carballo defenderá no pleno do vindeiro luns a inclusión da sede da Sociedade Cultural e Recreativa de Bergantiños, coñecida como Casino, no Catálogo de Protección do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A través desa iniciativa, os socialistas reclámanlle ao goberno local a aplicación dunha medida que garantirá a pervivencia do inmoble, manténdoo a salvo de calquera interese especulativo.

O Casino, que “forma parte do patrimonio cultural de todos os carballeses e carballesas”, cumpre  os requisitos para a súa catalogación de acordo coa Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, unha norma que ampara todas as construcións civís de uso comunitario que fosen levantadas antes de 1926. Tal como se explica na propia moción, existen cando menos dous documentos que acreditan que o edificio é anterior a ese ano.

O PSOE salienta que a continuidade do Casino conta co “apoio masivo” da veciñanza. Destaca que así se demostrou “en momentos decisivos”, como a recadación de 70.000 euros nunha colecta pública de só unha semana para exercer o dereito de retracto na venda do inmoble á actual propiedade. Así, “queda claro o interese social en protexer esta institución e a importancia de que continúe no seu emprazamento actual”, recolle o documento que asina a portavoz socialista, María Carmen Vila.

O grupo municipal socialista considera que, pese a que ese proceso está aínda xudicializado, iso non impide defender da súa posible desaparición un dos poucos edificios centenarios que permanecen en pé en Carballo. De feito, lembra que construcións da mesma época que contaban con interese arquitectónica, como a antiga Casa do Concello ou a igrexa, foron derrubadas hai arredor de medio século a mercé das políticas urbanísticas dos anos setenta. Os socialistas recordan tamén que xa en 2017 o pleno do Concello se posicionou a favor de preservar o Casino. Foi mediante unha declaración institucional. Agora instan ao goberno municipal a posicionarse de novo do lado da cidadanía, aprobar a moción e, en consecuencia, tramitar a revisión do PXOM para catalogar o inmoble.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes