O PSdeG reclámalle á Xunta un novo paso de cebra na AC-566 ao seu paso por Narón
- Jorge Ulla advirte do “punto negro” existente nesta estrada e o perigo que supón para veciñanza e estudantado
O PSdeG-PSOE reclámalle á Xunta de Galicia a creación dun novo paso de cebra na estrada AC-566 ao seu paso por Narón, e levará a cuestión ao Parlamento galego.
O voceiro socialista local, Jorge Ulla, afirma que “a estrada de Cedeira está a convertirse nun punto negro para o tránsito de veciños e estudantes, que cruzan a diario para ir comer e facer as súas compras”.
O socialista advertiu de que se trata de “4 carrís de puro perigo nunha zona comercial e escolar, onde a Xunta segue sen poñer un paso de peóns”. “Non agardemos a unha desgracia esiximos seguridade e un paso de peóns xa”, engade.
Pola súa banda, Aitor Bouza, deputado socialista no Parlamento de Galicia, reiterou o seu compromiso “coas veciñas e cos veciños de Narón, que hoxe lle reclaman xustamente á Xunta de Galicia que escoite as súas demandas”.
“Imos esixir á Xunta de Galicia que realice coa maior brevidade posible o estudo de mobilidade neste tramo da AC-566, que está aproximadamente entre os puntos quilométricos 1 e 2 no concello de Narón”, indica.
Unha vez realizado ese estudo, pide que “á vista destes resultados se garantan as condicións técnicas e de seguridade viaria para establecer un paso de peóns neste punto, é o que pide a propia veciñanza”.
“Estando unha hora aquí con eles e con elas puidemos ver a cantidade inxente de persoas que están a cruzar por este tramo”, salienta o deputado. “A Xunta de Galicia ten que escoitar á veciñanza de Narón e ten que acometer canto antes esta obra”, apunta.
“Non é nin por falta de recursos económicos nin tampouco por falta de viabilidade técnica, como se pode observar é unha recta, que non hai ningún tipo de problema nin de perigo”, subliña Bouza.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS