O PSdeG reclámalle á Xunta a rehabilitación integral do CEIP San Isidro de Neda
Aitor Bouza, deputado do Grupo Parlamentario Socialista, levará a cuestión ao Parlamento de Galicia
O PSdeG-PSOE reclámalle á Xunta de Galicia a rehabilitación integral do CEIP San Isidro, en Neda. O deputado socialista Aitor Bouza será o encargado de levar a cuestión ao Parlamento galego.
Bouza destaca que a comunidade educativa do CEIP San Isidro de Neda leva anos reclamando esa rehabilitación, e dende o PSdeG pídenlle tamén “á Consellería de Educación, e particularmente ó señor Rueda, que non esqueza aos concellos” como Neda.
O parlamentario socialista esixe que “realmente as infraestruturas estean acordes ás necesidades de cada un dos centros educativos e se poida garantir, polo tanto, unha educación de calidade”.
“Despois de escoitar a comunidade educativa, as súas reclamacións que levan facendo durante meses e durante anos”, indica o socialista, levará á cámara unha batería de inicitativas para que o goberno galego elabore “con carácter urxente ese informe técnico integral sobre o estado de conservación que ten o CEIP San Isidro de Neda”.
Demanda así mesmo que se executen en consecuencia “todas as actuacións precisas para corrixir de maneira inmediata todas as deficiencias” para garantir “a seguridade, a salubridade e ó correcto funcionamento das instalacións”
“Esperemos que a Xunta de Galicia escoite, e se non, seguiremos esixíndolle que non deixe á marxe ou como cidadáns e cidadás de segunda a todos os nenos e as nenas de Neda”, conclúe o deputado.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS