Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama no Parlamento que a Xunta solucione os problemas de seguridade do IES Fernando Blanco de Cee

  • A parlamentaria Patricia Iglesias e a alcaldesa socialista Margot Lamela denuncian os riscos que a situación supón para o alumnado e o profesorado

O PSdeG-PSOE rexistra unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia que a Consellería de Educación da Xunta solucione os “graves problemas” do IES Fernando Blanco de Cee, “estruturais, eléctricas, térmicas e de seguridade”.

Con isto, en palabras da deputada Patricia Iglesias, o Grupo Parlamentario Socialista busca ser “a voz tanto da dirección do centro como da comunidade educativa e da ANPA”, ao falar dun instituto “tan relevante na vila de Cee e en toda a comarca”.

“A seguridade do alumnado e do profesorado non poden esperar, o IES Fernando Blanco é parte esencial da historia deste municipio, de toda a comarca, do noso futuro”, afirma Iglesias, que incide en que “defender este centro é defender a educación pública en maiúsculas e o dereito da nosa mocidade a estudar en condicións dignas”.

“Como alcaldesa de Cee quero trasladar unha mensaxe clara: a seguridade do alumnado e do profesorado do IES Fernando Blanco é absolutamente prioritaria e non admite demoras”, afirma pola súa banda a rexedora socialista da localidade Margot Lamela.

“Nada máis ter coñecemento dos graves problemas existentes no centro, púxenme en contacto coa súa directora e solicitei de inmediato unha reunión urxente co Conselleiro de Educación, o Director Territorial e a Inspección Educativa”, explica a alcaldesa. “Aínda sendo unha competencia directa da Xunta de Galicia, desde o Concello imos estar vixiantes e activos ata que haxa solucións reais”, engade.

Lamela subliña que “o IES Fernando Blanco non é só un centro educativo”, xa que é “unha peza clave para o futuro da nosa mocidade”. “Non podemos permitir que se deteriore nin que se poñan en risco as condicións nas que estudan e traballan”, apunta.

Para a rexedora, “defender este instituto é defender a educación pública e o dereito das nosas rapazas e rapaces a formarse en espazos seguros e dignos”. “Desde o Concello esiximos respostas inmediatas e compromisos concretos por parte da Xunta. Cee non vai mirar para outro lado”, conclúe.

As iniciativas parlamentarias socialistas instan a “executar de maneira inmediata as obras necesarias para reparar os tellados do edificio principal, eliminando as filtracións de auga e garantindo a seguridade das aulas”. Tamén a “retirar e substituír a cuberta exterior deteriorada que conecta os distintos edificios do centro, eliminando materiais perigosos e garantindo condicións seguras de tránsito.

Buscan así mesmo corrixir as deficiencias do sistema eléctrico, adaptar a iluminación exterior ás condicións de humidade do centro, modernizar o sistema de climatización, adoptar medidas para reducir a masificación das aulas e adecuar os espazos docentes á normativa vixente, cubrir de forma inmediata a praza vacante de conserxería e actuar sobre a seguridade viaria na contorna do instituto.


Patricia Iglesias – Seguridade en IES Fernando Blanco Cee – feb26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes