Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE reivindica seguir ampliando os dereitos das persoas autónomas e reforzar a súa protección social

Julián Reina e Pedro Blanco mantiveron unha xuntanza en Santiago co presidente de UPTA España, Eduardo Abal, para analizar os avances dos últimos anos e abordar os novos retos do colectivo


O PSdeG-PSOE mativo unha xuntanza coa Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) para analizar os avances acadados nos últimos anos en materia de protección social e abordar os retos pendentes para seguir ampliando os dereitos das persoas traballadoras autónomas.

O encontro, celebrado na sede de UPTA-AGTAMAR en Santiago co presidente de UPTA España, Eduardo Abal, e membros da directiva da delegación galega, contou coa participación do número dous da candidatura ao Congreso pola Coruña, Julián Reina; o candidato ao Senado, Alejandro García; o parlamentario autonómico Aitor Bouza; o candidato á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, e a concelleira compostelá Marta Abal.

Julián Reina puxo en valor os cambios producidos nos últimos anos e explicou que durante a reunión fixeron “un repaso sobre os enormes avances en protección social, en permisos que se foron consolidando ao longo dos últimos anos”, destacando a importancia de dar continuidade a este proceso de ampliación de dereitos.

Neste sentido, o candidato socialista ao Congreso subliñou que o encontro permitiu tamén “facer un repaso dos novos obxectivos que debemos marcarnos de cara ao futuro”, situando os desafíos pendentes das persoas traballadoras autónomas no centro do diálogo con UPTA.

Pola súa banda, Pedro Blanco destacou a importancia de manter un diálogo permanente coas organizacións do colectivo, ao considerar que é “imprescindible contar cos traballadores autónomos”, aos que definiu como “os auténticos traballadores que están neste momento levando a cabo a modernización deste país”. Por iso, defendeu “seguir consolidando os dereitos destes traballadores e traballadoras”.

Unha das cuestións abordadas foi a incorporación das persoas migrantes ao traballo por conta propia. Blanco reivindicou a necesidade de facilitar que “os inmigrantes, que neste momento representan unha parte importante dos nosos traballadores, tamén se incorporen a este réxime especial de traballadores autónomos”, e insistiu en continuar avanzando na regulación que demanda UPTA.

O candidato socialista apostou, finalmente, por “seguir nesta liña de colaboración” para dar continuidade aos avances en dereitos e atender as reivindicacións trasladadas pola organización.


Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes