Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE provincial denuncia “intereses escuros” trala moción de censura de Muxía e critica que o BNG “poña o seu voto ao servizo da dereita”

-Os socialistas consideran “unha aberración democrática” a moción para retirar da alcaldía aos socialistas, que foron a forza política máis votada, e situar na alcaldía á terceira forza, con só dous concelleiros.

-Instan ao BNG a actuar con contundencia: “Non abonda con dicir que desautorizan esta manobra e que se abrirá un expediente, hai que demostralo con feitos, anunciando a expulsión do partido”.


O PSOE provincial da Coruña denuncia a existencia de “intereses escuros” tras a moción de censura rexistrada no Concello de Muxía polo Partido Popular, Independentes por Muxía e BNG, “nunha operación inexplicable, que o propio alcalde denunciou que se vén fraguando dende hai meses”.

“Esta moción de censura vulnera claramente a vontade democrática expresada pola veciñanza de Muxía nas eleccións municipais, xa que pretende expulsar da alcaldía ao PSOE, que foi a forza política máis votada, para poñer a un partido que só ten dous dos 11 concelleiros cos que conta a corporación municipal”, explica o secretario provincial, Bernardo Fernández.

“Se o pobo de Muxía quixese que Javier Sar fose alcalde, teríanlle votado nas eleccións municipais, pero o certo é que sacou só dous concelleiros”, afirmou Fernández. “Alguén debería de explicar por qué o PP, que foi o segundo partido máis votado, decide pór como alternativa para a alcaldía a un partido independente que foi a segunda forza menos votada”, engadiu.

O socialista censurou que esta operación conte ademais co aval do BNG, “poñendo o seu voto ao servizo da dereita para impedir que siga gobernando o PSdeG-PSOE”.

Neste sentido, Fernández instou ao BNG a expulsar á súa concelleira en Muxía por apoiar a moción co PP: “Non abonda con dicir que desautorizan esta manobra e que se abrirá un expediente, hai que demostralo con feitos, anunciando a expulsión do partido de quen non sigue as directrices da dirección”.

“Así foi como actuamos no PSOE nos casos similares que se deron na nosa provincia, sen apoiar gobernos de dereitas, outros non poden diciro mesmo”, afirmou o secretario provincial, que lembrou que “neste senso non podemos esquecer que hai un ano o BNG entregou tamén ao PP o goberno municipal de Cariño, descartando un acordo de investidura co PSOE”.

“A día de hoxe, os concelleiros nacionalistas que impediron un goberno de esquerdas en Cariño non foron nin tan sequera expedientados”, lamenta o secretario xeral do PSdeG provincial.

Fernández defendeu tamén a “vontade de Iago Toba de consensuar cos grupos da oposición os principais asuntos da xestión municipal”. Detallou que o alcalde socialista propuxo a todos os grupos chegar a acordos sobre cuestións clave como os orzamentos ou os investimentos do Plan Único da Deputación, incorporando as súas propostas en función da representantividade que cada partido ten na corporación municipal, o que foi rexeitado polos distintos grupos.

O secretario provincial dos socialistas considera que esta “operación escura” ten “moito que explicar aínda” e instou a facer público o acordo co que os tres partidos que impulsan a moción pretenden gobernar Muxía.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes