O PSdeG-PSOE leva ao pleno de Cabanas a situación dos parques infantís
- Os socialistas reclaman unha actuación inmediata por razóns de seguridade nestes espazos e denuncian a inexistencia dunha resposta por parte do executivo local ante as advertencias de deficiencias da veciñanza
O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE levou ao pleno celebrado estes días no Concello de Cabanas unha iniciativa centrada na seguridade dos espazos públicos a través dunha moción sobre o mal estado dos parques infantís municipais.
O grupo socialista presentou unha moción na que expón o deterioro xeralizado das áreas de xogo do municipio e a necesidade, segundo defenden, dunha actuación inmediata por razóns de seguridade. Na exposición de motivos, o PSdeG lembra que os parques infantís son instalacións de uso público destinadas a nenos e nenas, polo que o seu estado de conservación non é unha cuestión opinable, senón unha obriga municipal vinculada á prevención de accidentes e á responsabilidade patrimonial do Concello.
A moción sinala como especialmente preocupante a situación dos parques de As Modias, O Arenal, Irís, Lavandeira e Santa Cruz, indicando que a veciñanza leva tempo advertindo de deficiencias e falta de mantemento sen que exista, segundo recollen, unha resposta municipal visible, planificada e verificable. O texto tamén lembra que as últimas actuacións integrais de arranxo e acondicionamento de parques infantís no municipio se realizaron nos parques de Pedra do Couto e no entorno do Concello, a través de subvencións xestionadas polo anterior goberno municipal.
A través desta iniciativa, o PSdeG-PSOE propón un conxunto de acordos concretos, entre os que figura a realización dunha inspección técnica urxente dos parques máis afectados nun prazo máximo de 15 días, e do resto de parques infantís municipais nun prazo de 30 días, coa elaboración de informes individualizados por parque. Estes informes deberían incluír a relación de deficiencias e riscos detectados, as medidas correctoras propostas, a prioridade de actuación, unha estimación económica e referencias a criterios técnicos de seguridade habitualmente empregados no sector, como as normas UNE-EN 1176 e 1177.
A moción tamén insta á adopción de medidas cautelares inmediatas unha vez detectados riscos, como o precinto, retirada ou inutilización de elementos perigosos, a colocación de sinalización visible ou o peche temporal das áreas afectadas ata a súa reparación. Ademais, o grupo socialista propón a elaboración dun Plan de Choque de Parques Infantís 2026, que debería presentarse ao pleno nun prazo máximo de 60 días e incluír actuacións concretas por parque, un calendario verificable, criterios de priorización baseados na seguridade e no uso, unha memoria económica, a modalidade de execución das actuacións e unha previsión de mantemento preventivo anual.
Entre os acordos propostos inclúese tamén a habilitación dunha dotación orzamentaria específica para o mantemento e renovación dos parques infantís, coa tramitación dunha modificación de crédito no caso de ser necesario, así como a solicitude de subvencións e liñas de financiamento doutras administracións, coa obriga de informar periodicamente ao pleno do estado destas solicitudes. A moción incorpora, ademais, a creación dun rexistro municipal de inspeccións e mantemento, a publicación periódica de información accesible á veciñanza, a incorporación de criterios de accesibilidade e xogo inclusivo e a comparecencia da Alcaldía ou da concellería delegada para dar conta do grao de cumprimento dos acordos nun prazo de 90 días.
Desde o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE sinalan que a iniciativa responde á á necesidade de garantir a seguridade dos espazos públicos.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS