Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE de Zas logra o apoio unánime do pleno para reclamar a finalización da autovía da Costa a Morte e a supresión das peaxes da AG-55

– A iniciativa, presentada pola concelleira socialista Sheila Rial, solicita á Xunta de Galicia retomar o proxecto completo, redactar o tramo ata Cee e eliminar os peaxes, despois de dúas décadas de retrasos.


A concelleira do Partido Socialista en Zas, Sheila Rial, presentou este venres na sesión do pleno ordinario correspondente ao mes de xullo, unha moción que “recolle unha demanda histórica da nosa comarca que é a finalización a Autovía da Costa da Morte”.

Rial solicitou o apoio do pleno para instar á Xunta de Galicia a retomar o proxecto completo da autovía, redactar o tramo final ata Cee e suprimir as peaxes da AG-55. “Non se pide privilexios, estase a pedir xustiza territorial cunha infraestrutura que leva anos sobre a mesa e que acumula recortes, sobrecustes e retrasos”, afirmou.

A concelleira destacou que “son 20 anos de promesas sen cumprir, e sen que a xente de Zas e de toda a comarca teñamos unhas conexións dignas, seguras e libres de peaxes” e sinalou que “despois de tanto tempo de espera non podemos resignarnos á versión recortada desta infraestrutura, que é clave para o futuro do rural”.

En xuño anunciouse a continuación do proxecto, logo de nove anos de paralización, cunha prolongación do corredor de 5,5 quilómetros. Ante esta noticia, Rial manifestou que “é un anuncio que celebramos pero que non é suficiente, non podemos estar conformes. Fálase dunha conexión básica e xa iniciada, con estudos feitos e cun trazado en parte xa expropiado”. 

A moción foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos políticos da corporación municipal. “Celebro que, nesta ocasión, os demais grupos políticos se sumaran a esta demanda e espero que se tome exemplo en futuras ocasións e se sumen a máis iniciativas que presento como concelleira e que son en defensa do que realmente importa que é mellorar a vida das nosas veciñas e veciños”, concluíu Rial.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes