Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE de Ribeira acusa ao PP de pretender ocultar con vinilos o fracaso histórico das súas políticas económicas

  • Van gastar 20.000 euros en tapar negocios en lugar de fomentar a súa apertura”, sinala Fran Suárez-Puerta, portavoz socialista

O PSdeG-PSOE de Ribeira critica a iniciativa do goberno municipal de cubrir os locais baleiros con vinilos, ao considerar que esta medida é un intento de tapar o peche de negocios e o fracaso do seu modelo económico en Ribeira.

O grupo socialista denuncia que o PP intenta vender como “embelecemento” o que non é máis que propaganda pagada con fondos públicos para tapar o abandono que eles mesmos xeraron. A realidade é evidente: mentres anuncian “pegatinas” e embelecemento, os lazos da campaña “Enlaza Ribeira” podrecen nas árbores do centro e Ribeira paga as consecuencias desta falta de proxecto.

O portavoz socialista considera que esta actuación unicamente responde a unha estratexia baseada no posado e na propaganda, sen impacto real, evidenciando a falta dun proxecto económico para Ribeira. “A alcaldesa actúa seguindo unha lóxica propia de Shary Bobbins, na que o importante non é resolver os problemas, senón agochalos e que non se vexa”. O resultado será o de sempre: unha “chapuza total”.

Esta forma de actuar demostra que o goberno do PP está a favorecer a propietarios que incumpren as ordenanzas municipais, en detrimento daqueles que si as cumpren, premiando a quen afea e frea Ribeira en lugar de impulsar a quen si se esforza e cumpre coas normas. “Estas políticas non favorecen o comercio local, senón que provocan a súa desaparición progresiva”.

Así mesmo, os socialistas denuncian a ausencia de avances no polígono industrial de Pedras Vermellas, que continúa sen financiamento nin calendario, o que está a impedir a implantación de novas empresas e limitando o crecemento das existentes pola falta de chan industrial. Neste contexto, Fran Suárez-Puerta critica que o Partido Popular “leva décadas sen desenvolver nin un só metro de chan industrial en Ribeira” e acusa ao goberno municipal de facer anuncios sen contido real.

O PSdeG advirte de que non se pode construír o futuro económico de Ribeira a base de decorados e sinalan que esta forma de actuar responde a un modelo baseado en agochar a realidade para aparentar; Suárez-Puerta sinala que “o próximo será propoñer unha lona que tape a zona de Pedras Vermellas para facer ver que existe o polígono”.

Abandono do polígono e da zona comercial

Neste contexto, o PSdeG-PSOE de Ribeira levará ao vindeiro Pleno dúas accións para tratar a situación do polígono industrial ante a ausencia de avances reais no proxecto e a solicitar que se actúe de maneira inmediata para evitar o deterioro da imaxe urbana da zona comercial.

Os socialistas denuncian que o estado actual da campaña “Enlaza Ribeira” contradí a propia estratexia municipal contra o feísmo e, por iso, solicitarán a retirada ou substitución destes elementos e que se redistribúan os fondos previstos para colocar vinilos na promoción do comercio local.

Desde o PSdeG-PSOE insisten en que Ribeira precisa unha planificación seria, con proxectos reais e compromisos concretos orientados á creación de emprego, á atracción de investimentos e ao coidado dos espazos públicos, e non posados nin iniciativas que só buscan ocultar a realidade en lugar de transformala. Suárez-Puerta sinala que “Ribeira necesita un polígono e dinamizar o comercio, non gastar 20.000 euros en pegatinas”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes