O PSdeG-PSOE de Ferrol denuncia a “desastrosa situación do Centro de Atención á Discapacidade Souto de Leixa e levará iniciativas ao Parlamento e o Pleno de Ferrol para pedir unha auditoría da súa situación e a volta á súa xestión pública
Os socialistas lembran que o centro foi privatizado polo goberno do PP na Xunta de Galicia e súmanse ás protestas de familias das persoas usuarias e dos traballadores, que denuncian unha pésima xestión e carencias de persoal e medios que afectan gravemente á calidade asistencial
O PSdeG-PSOE de Ferrol denuncia a “desastrosa situación” do centro de atención á discapacidade Souto de Leixa, privatizado polo Partido Popular en 2010 e que agora o goberno de Alfonso Rueda volve ofertar a mans privadas cun contrato de 12,7 millóns de euros durante catro anos.
Os socialistas súmanse así ás protestas das familias dos usuarios e dos traballadores e traballadoras do centro, que veñen denunciando en reiteradas ocasións o mal estado das instalacións e a pésima xestión do mesmo, con notables carencias de persoal e medios “que afectan gravemente á calidade asistencial nun ámbito especialmente sensible como é o da atención ás persoas con discapacidade intelectual”.
“As familias dos usuarios queíxanse reiteradamente dunhas instalacións en mal estado e de pésimas condicións en servizos tan básicos como a comida, a medicación ou a atención aos seus seres queridos e os traballadores de malas condicións laborais e falta de medios e de persoal. A Xunta coñece estas denuncias desde hai moito tempo pero non fai nada ao respecto”, afirmou o portavoz do PSOE, Ángel Mato, que anunciou que os socialistas levarán iniciativas ao Parlamento de Galicia e ao pleno de Ferrol para instar á Xunta a dar explicacións públicas sobre a situación que atravesa o centro.
Neste sentido, o portavoz socialista anunciou que pedirán unha auditoría externa sobre a atención que se presta no Souto de Leixa e as condicións das persoas residentes e as condicións laborais do persoal que traballan nel, e demandarán a volta á xestión pública do centro para recuperar a calidade asistencial que estas persoas merecen. “Preocúpanos a situación destas persoas e a indolencia do goberno da Xunta de Galicia ante as continuas queixas por parte dos ususarios. Non se entende que un ámbito tan sensible como o da atención ás persoas con discapacidade intelectual se opere con criterios de beneficio económico”, afirmou Mato.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS