Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE de Curtis logra que Transportes aprobe a reordenación dos accesos da N-634 en Sesmonde

  • Os socialistas destacan que o proxecto, cun investimento de 1,14 millóns de euros, é froito de meses de reunións, escritos e xestións para mellorar a seguridade dunha vía utilizada diariamente pola veciñanza de Curtis e Teixeiro

O PSdeG-PSOE de Curtis celebra a aprobación provisional, por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, do proxecto de trazado para a reordenación dos accesos da N-634 na travesía de Sesmonde, unha actuación longamente demandada que permitirá mellorar de maneira significativa a seguridade viaria e as condicións de circulación nesta zona.

O proxecto conta cun orzamento estimado de 1.141.299,55 euros e abrangue o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 675,5 e 676,25 da N-634, no termo municipal de Vilasantar. A intervención busca resolver os problemas existentes na intersección coa estrada AC-840, onde a configuración actual favorece velocidades elevadas e dificulta as manobras de incorporación e cruce, ademais de presentar deficiencias de iluminación e deterioración do firme.

O portavoz socialista de Curtis, Fernando Rey, salientou que esta aprobación é o resultado dun traballo constante desenvolvido polos socialistas durante os últimos meses. Foron moitas reunións, escritos e xestións para trasladar unha preocupación real da veciñanza e conseguir que esta actuación avanzase. Hoxe podemos dicir que ese traballo deu os seus froitos”, afirmou.

Rey subliñou que se trata dunha infraestrutura especialmente importante para numerosas persoas de Teixeiro, Curtis e da contorna, que empregan habitualmente este tramo e que levan anos reclamando unha solución que reduza os riscos e mellore a visibilidade.

“Esta aprobación non chega por casualidade. É consecuencia de escoitar á veciñanza, trasladar as súas necesidades ás administracións competentes e facer un seguimento constante ata conseguir resultados concretos”, destacou o portavoz socialista.

A actuación contempla a substitución da actual glorieta elíptica por unha nova glorieta circular, que permitirá ordenar os movementos, reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a fluidez do tráfico. Tamén se construirá unha vía colectora para canalizar os accesos á estación de servizo e á rúa Ril, separándoos da circulación principal da estrada.

Ademais, habilitaranse novos carrís de entrada e saída, renovarase a sinalización horizontal e vertical, repoñerase o alumado público, instalaranse barreiras de formigón e rehabilitarase o firme, mellorando tanto a seguridade viaria como as condicións de visibilidade da intersección.

Desde o PSdeG de Curtis consideran que esta actuación demostra a importancia de exercer unha oposición útil, próxima e centrada en conseguir solucións para os problemas reais da cidadanía.

“Esta é a nosa maneira de traballar, con constancia, con propostas e con resultados. Seguiremos defendendo os intereses de todas as veciñas e veciños de Curtis ante todas as administracións”, concluíu Fernando Rey.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes