Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE de Corcubión denuncia que o concello “sáltase as normas de forma continuada”

  • Os socialistas acusan ao executivo local de actuar “á marxe dos procedementos e das normas”

O PSdeG-PSOE de Corcubión denuncia a “forma de gobernar” do actual executivo municipal, ao que acusa de actuar “á marxe dos procedementos e das normas” de maneira reiterada, mentres á veciñanza “se lle esixen limitacións e requisitos estritos, especialmente no casco histórico”.

Segundo explicou o grupo socialista, o propio alcalde recoñeceu no último pleno que o Concello decidiu pintar un mural nunha fachada do casco histórico sen convocar comisión de patrimonio e sen solicitar ningún informe técnico que acreditase a súa adecuación ao PEPOCH (Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico de Corcubión).

A cultura e a arte enriquecen Corcubión e queremos felicitar á artista Laura Suárez polo seu gran traballo”, subliña o PSdeG-PSOE. “Pero unha actuación nun inmoble protexido debe facerse con rigor, garantías e respecto escrupuloso aos informes e trámites que se lle esixen a calquera veciño ou veciña”, engaden.

Os socialistas tamén trasladan outras cuestións expostas no pleno, como a instalación de cámaras de tráfico “sen boletín nin alta na compañía eléctrica”, un extremo, que de confirmarse, “podería comprometer a validez de posibles sancións asociadas a eses dispositivos”.

Entre os exemplos citados, o PSdeG-PSOE de Corcubión menciona igualmente a colocación de sinalización “sen modificación previa da ordenanza de tráfico” e o incumprimento de mocións presentadas pola oposición e aprobadas en pleno.

Por todo isto, o PSdeG-PSOE de Corcubión reclama ao goberno municipal:

  • Regularizar e documentar as actuacións realizadas conforme á normativa vixente.
  • Convocar os órganos e comisións correspondentes, especialmente en materia de patrimonio, antes de intervir no casco histórico.
  • Garantir transparencia e seguridade xurídica, evitando decisións sen respaldo técnico nin procedementos regrados.
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes