Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG provincial esixe ao concello de Outes “o cumprimento inmediato da legalidade” e advirte de que acudirá á Xustiza se persiste a irregularidade

  • Solicitan a aplicación inmediata das consecuencias legais derivadas da expulsión firme do concelleiro José Antonio Caamaño Lestón do PSOE

O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña esixe ao Concello de Outes o “cumprimento inmediato da legalidade” e advirte de que acudirá á Xustiza se persiste a irregularidade.

A Agrupación Provincial Socialista presentou ante o Concello un completo escrito de alegacións no marco do Expediente 192/2025, no que se solicita a aplicación inmediata das consecuencias legais derivadas da expulsión firme do concelleiro José Antonio Caamaño Lestón do Partido Socialista Obrero Español.

O secretario xeral provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, sinala que “o Concello de Outes coñece perfectamente a firmeza da expulsión e os límites legais que implica”. “Non imos permitir que se consolide unha situación ilegal nin que se premie o transfuguismo con cargos e retribucións, se non se corrixe de inmediato, acudiremos á Xustiza e esixiremos todas as responsabilidades que procedan”, conclúe.

A expulsión, confirmada definitivamente pola Comisión Federal de Ética e Garantías o pasado 16 de outubro de 2025, implica, en virtude do artigo 73.3 da Lei de Bases do Réxime Local, o pase automático do concelleiro á condición de non adscrito, coas limitacións políticas e económicas que establece a normativa, a doutrina xurisprudencial e o Pacto Antitransfuguismo.

Porén, a día de hoxe, o concelleiro continúa integrado no equipo de goberno do Partido Popular, mantendo delegacións de competencias e retribución por dedicación, situación que vulnera o artigo 73.3.3º da LRBRL, a doutrina do Tribunal Supremo (STS 1401/2020), as sentenzas do Tribunal Constitucional 9/2012 e 246/2012 e o Pacto Antitransfuguismo e a súa Addenda II.

Co obxectivo de garantir a máxima transparencia e documentar con precisión a situación actual, o PSdeG-PSOE solicitou formalmente á Secretaría Municipal unha certificación oficial que detalle as reunións de órganos colexiados ás que asistiu o Sr. Caamaño desde a moción de censura e, especialmente, desde a súa expulsión firme.

Tamén se solicita que en dita certificación se indiquen as cantidades económicas percibidas en concepto de retribucións, dietas ou indemnización e o réxime de dedicación que puidese ter asignado, con indicación das resolucións que o amparan.

Esta documentación será incorporada ao expediente e, de ser o caso, remitirase á Fiscalía para a valoración de posibles ilícitos de prevaricación e malversación de fondos públicos. O PSdeG Provincial da Coruña esixe ao alcalde de Outes o cumprimento inmediato da legalidade vixente e a retirada das delegacións, retribucións e cargos que o concelleiro non adscrito non pode ostentar.

O Partido Socialista advirte que, se o Concello non actúa de maneira inmediata e conforme aos informes da Secretaría Municipal emitidos no seu momento, acudirá a todas as instancias administrativas e xudiciais para garantir o respecto á lei, á ética pública e aos principios do Pacto Antitransfuguismo.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes