O PSdeG provincial denuncia na Laracha a negativa do alcalde a negociar coa Policía Local e a falta de axentes no municipio
-A voceira socialista local Inés Ramos López destacou que os axentes “simplemente piden unha equiparación ao resto de postos de traballo do Concello”
-O secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro lamentou que o Concello “está tendo moitos problemas actualmente para garantir a seguridade dos veciños e as veciñas por culpa da decisión do alcalde”
-O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña denunciou na Laracha a negativa do alcalde do municipio a negociar coa Policía Local para solucionar a situación actual de falta de axentes.
O secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro lamentou que o Concello “está tendo moitos problemas actualmente para garantir a seguridade dos veciños e as veciñas por culpa da decisión do alcalde de non sentarse a negociar coa Policía Local a modificación da relación de postos de traballo”.
“Nadie obriga a que se chegue a acordos, pero como mínimo deberiamos de sentarnos a negociar para escoitar as propostas dos traballadores e evitar a situación que hai na actualidade”, sinala o socialista.
O socialista incidiu en que A Laracha “non conta con efectivos da Policía Local suficientes, polas baixas de moitos deles, para poder garantir un servizo que é básico para a cidadanía”. “Cando temos un problema, un accidente, un atraco ou un roubo, son os primeiros en estar ao noso carón”, engadiu.
“Polo tanto, é fundamental que se adopten medidas de carácter urxente para revertir esta situación e garantir que este Concello poida contar novamente cos efectivos da policía local que necesita”, reclamou.
Fernández Piñeiro puxo o foco tamén na Lei de Coordinación da Policía Local de Galicia: “Levamos anos demandando a súa modificación dende o Partido Socialista, á vista dos graves problemas e perxuízos que está xerando para a maioría dos concellos en xeral, problemas que nos impiden cubrir baixas ou cubrir prazas”.
“Dende aquí queremos instar ao presidente Rueda e ao seu conselleiro de presidencia, o señor Diego Calvo, a que inicien xa os trámites de cara á modificación desa lei, negociando co resto de grupos do Parlamento de Galicia para que sexa consensuada”, sinalou.
Subliñou tamén a importancia de atender “as demandas reais que temos nos concellos, ese gran olvidado da Xunta do Partido Popular, os concellos galegos que non están a ser atendidos, que asumimos competencias impropias, aos que non se derivan os recursos”.
Pola súa banda, a voceira socialista local Inés Ramos López destacou que os axentes “simplemente piden unha equiparación ao resto de postos de traballo do Concello”, criticando a negativa total do Concello ás súas demandas.
“Ultimamente temos sufrido varios sucesos que deixaron clara a situación preocupante da policía, mesmamente coa manifestación celebrada no IES Agra de Leborís, que ía dende o propio centro ata o Concello e onde os propios manifestantes vían como polo medio deles pasaban coches porque non había un xente ou un auxiliar que puidese coordinar o tráfico”, afirmou a voceira.
“O mesmo ocorreu co grave accidente de tráfico que se produciu na avenida Doutor López Astray ou co caos que xurde á entrada e saída dos colexios, como por exemplo no CEIP Otero Pedrayo”, enumerou Ramos López.
“Ante esta situación tan grave e que pon en risco a seguridade de todos os veciños e veciñas, o alcalde debería pensar se ten capacidade para solucionar esta cuestión, e en caso de que non poida solucionala e que a situación vaia manterse, debería cuestionar se realmente ten capacidade para gobernar este Concello”, concluíu.
Finalmente, interviu tamén a deputada socialista no Parlamento galego Patricia Iglesias Rey, que rexistrou na cámara unha pregunta ao Goberno galego e ao conselleiro responsable Diego Calvo respecto desta cuestión.
“Mandou auxiliares de policía pero que non están a ser supervisados e as súas funcións tuteladas polos titulares de policía local porque non hai, un está de baixa médica e outro pediu o traslado para Carballo”, explicou a parlamentaria. Afirmou tamén que a Lei de Coordinación da Policía Local amosa “o modus operandi do Goberno galego, esa asfixia, ese infrafinanciamento ao que ten sometidos os concellos galegos”. “En definitiva, unha situación de caos e falta de acción” por parte da Xunta, rematou.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS