Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG provincial denuncia a inacción do Concello e a Xunta ante a falta de auga potable nos dous centros educativos de Ferrol

-O secretario provincial Bernardo Fernández Piñeiro sinalou que Augas de Galicia é “dilixente no control da calidade das augas para consumo humano, casualmente, onde non goberna o PP”


O PSdeG Provincial da Coruña deu unha rolda de prensa sobre a problemática da falta de auga potable no CEIP Isaac Peral e no IES Saturnino Montojo de Ferrol, que contou coa presenta da concelleira Ana Lamas, o parlamentario galego Julio Abalde e o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro.

“Coñecimos esta información de casualidade durante a Comisión de Servizos e aproveitamos dende o Grupo Municipal socialista para pedir a información pertinente, xa que estaba alí o concelleiro”, explica Ana Lamas. “Contestouse basicamente que se fixeran unhas análises e que o Concello se enterara a través dunha información que lle fixera chegar a directora do centro”, engadiu.

Porén, “a esas horas da mañá, cando o centro pola súa conta xa informara ós pais e nais de que non había auga potable, non fora ninguén do Concello a precintar as billas cando xa o sabían dende o día anterior”, critica a concelleira socialista.

“Ficamos abraiados ante a indiferenza da explicación”, afirma Lamas. “Nesas explicacións non había ningunha solución, non nos informaron de ningunha intención da Xunta de Galicia de facer absolutamente nada”, subliña.

Ademais, ao día seguinte, “nin sequera compareceu a concelleira de Educación, que, segundo a axenda municipal, estaba inaugurando un congreso de estudantes de podoloxía”. “O alcalde tampouco estaba, estaba no Senado”, lamenta a socialista.

Pola súa banda, Julio Abalde apuntou que “no día de onte xa se presentou por parte do Grupo Socialista unha iniciativa no Parlamento de Galicia para solicitarlle a información á Consellería de Educación de cal é a situación sanitaria das augas potables destes dous centros”.

“Tamén lle pedimos se ten coñecemento das análises que se están facendo, se fai seguimento das calidades das augas que están nos colexios e, sobre todo, que apoio lle dá aos centros nesta situación”, salienta o deputado socialista.

“Non é de recibo que sexan os equipos directivos os que teñan que tomar as decisións sen ningún apoio por parte da Consellería sin ningunha instrución ou protocolo, xa que quí está en risco a saúde dos nosos rapaces e rapazas”, destaca Abalde.

O parlamentario engade tamén que esta é “unha contaminación que sinala que hai un problema de infraestruturas, e ese problema de infraestruturas teñen que solucionalo entre a Consellería, que ten que ser a que exixa esas medidas, o Concello e Augas de Galicia”.

Finalmente interviu Fernández Piñeiro, que ironizou con que Augas de Galicia é “dilixente no control da calidade das augas para consumo humano, casualmente, onde non goberna o Partido Popular”.

“Na etapa de goberno 2015-2019 se prohibiu o consumo de auga para 100.000 persoas a raíz dunha dunha especie de inspección rutinaria de Augas de Galicia, parece que, neste caso, que está constatado que efectivamente o problema é da calidade da auga, deles non sabemos absolutamente nada”, lembrou o socialista.

“Isto podería ser unha cuestión casual si non fora unha tónica dominante nos últimos anos, a Xunta de Galicia utiliza Augas como un instrumento político contra aqueles concellos onde non goberna o PP”, aseverou.

“Faino por unha banda afogándoos economicamente en canto aos recursos que necesitan os concellos para poder acometer obras en infraestruturas hidráulicas, e faino tamén no caso do saneamento, con inspeccións de vertidos que casualmente son moi prolíficas cando non goberna o PP”, detallou Fernández Piñeiro.

“Gustaríame que alguén nesa Consellería saia explicar cantas inspeccións se fixeron nos últimos anos nesta provincia e en que concellos”, dixo o secretario provincial. “Seguramente non vai saír ninguén a dar este dato porque deixaría en evidencia isto que acabo de comentar”, engadiu.

Ademais, Fernández Piñeiro sinalou que “no que se refire concretamente a investimentos en infraestruturas hidráulicas levamos moito tempo demandando da Xunta de Galicia un plan estratéxico para que poidamos saber onde se van investir os recursos, moitos deles de fondos europeos”.

“O lóxico sería que houbese un criterio obxectivo que reparta recursos entre os distintos concellos sen ter en conta por quen están gobernados, pero si acceden vostedes a información da Consellería van poder atopar que o 90% dos recursos que se adican a infraestruturas relacionadas co abastecemento de auga potable caen en concellos do Partido Popular”, concluíu.


Declaracións de Ana Lamas

Declaracións de Julio Abalde

Declaracións de Bernardo Fernández
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes