Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG provincial da Coruña considera “inaceptables e vergoñentas” as declaracións de Diego Calvo afirmando que o caos dos autobuses “é imposible de solucionar

  • Os socialistas censuran que o responsable autonómico admita que “o contrato non dá para máis”, cualifique de “imposibles de solucionar” os picos de demanda e propoña aos usuarios cambiar de horario en lugar de reforzar o servizo
  • “É difícil imaxinar unha resposta máis irresponsable por parte de quen ten precisamente a obriga de xestionar o transporte público en Galicia”, afirman os socialistas

O PSdeG-PSOE da provincia da Coruña considera “inaceptables e vergoñentas” as declaracións do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, sobre os graves problemas que está a sufrir o transporte público por estrada na provincia e esixe á Xunta solucións inmediatas ante a saturación de numerosas liñas.


Os socialistas consideran especialmente grave que o responsable autonómico de transporte recoñeza publicamente que os contratos actuais “non dan para máis” e, ao mesmo tempo, non presente unha resposta suficiente para corrixir unha situación que afecta diariamente a miles de persoas. Calvo admitiu ademais no Parlamento que existen “picos de demanda” en determinadas frecuencias e afirmou que “iso é imposible de solucionar”.


“É difícil imaxinar unha resposta máis irresponsable por parte de quen ten precisamente a obriga de xestionar o transporte público en Galicia. Se o conselleiro recoñece que o modelo chegou ao límite, a súa responsabilidade é cambialo e reforzalo, non dicirlle á cidadanía que o problema non ten solución. Se non é capaz, é mellor que deixe o posto a outra persoa máis capaz”, sinalan desde o PSdeG provincial.

A Xunta non pode dicirlle á xente cando debe coller o autobús


O PSOE considera “unha falta de respecto aos usuarios” que Calvo plantexe como alternativa utilizar autobuses anteriores ou posteriores cando as frecuencias das horas punta están saturadas. “Os estudantes non poden decidir a que hora comezan as clases e os traballadores non poden dicirlle ás súas empresas que chegarán antes ou despois porque a Xunta é incapaz de garantirlles un autobús”, critican os socialistas.


Para o PSdeG, as palabras de Calvo “demostran unha preocupante resignación ante un problema que é competencia directa e exclusiva da Xunta”. “Non se pode gobernar dicindo que os problemas son imposibles de solucionar. A Xunta leva anos coñecendo o incremento da demanda e tiña a obriga de anticiparse, adaptar os contratos e
garantir as frecuencias e os vehículos necesarios”, sosteñen, criticando a “evidente falta de planificación” da Xunta ante “o caos dos buses interurbanos”.


As queixas afectan xa a numerosos puntos da provincia. Usuarios das conexións da Coruña con Arteixo, Oleiros, Sada, Cambre, Culleredo ou Carral denuncian autobuses completos, persoas que teñen que viaxar de pé, vehículos que pasan sen poder recoller máis pasaxeiros e frecuencias que non responden ás necesidades laborais e educativas. Tamén existen problemas nas conexións coa área de Betanzos, Bergantiños e Ferrolterra.


“Non son incidencias puntuais. Hai queixas en numerosos concellos, liñas saturadas e persoas que non saben se poderán subir ao autobús que necesitan para chegar ao traballo, á universidade, ao instituto ou ao hospital. E ante esta realidade, a resposta do conselleiro é que o contrato non dá para máis e que hai problemas imposibles de solucionar”, censuran os socialistas.


O PSdeG provincial reclama á Xunta que deixe de buscar escusas e poña en marcha un plan de reforzo das liñas máis saturadas, con máis frecuencias e capacidade nas horas punta, revisión das conexións cos centros educativos, universitarios, hospitalarios e polígonos industriais e unha planificación adaptada ao incremento real da demanda.


Os socialistas reclaman ademais unha interlocución directa cos concellos e cos usuarios afectados para coñecer as necesidades de cada comarca e introducir os cambios necesarios no servizo.

“Diego Calvo non pode pedirlles aos cidadáns que adapten a súa vida á mala planificación da Xunta. É a Xunta a que ten que adaptar o transporte público ás necesidades da cidadanía”, conclúe o PSdeG provincial.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes