O PSdeG propón recuperar o Cine Millán para dotar a Palmeira dun novo espazo cultural
- Francisco Suárez-Puerta leva ao Pleno unha proposta para adquirir e rehabilitar o edificio
O PSdeG de Ribeira vén de presentar unha proposta ao pleno municipal para impulsar a adquisición e rehabilitación do inmoble coñecido como Cine Millán, coa finalidade de convertelo nun espazo cultural ao servizo da parroquia de Palmeira.
Para o grupo municipal socialista esta iniciativa “responde a unha demanda da veciñanza e representa unha oportunidade única para recuperar un espazo histórico de gran valor nunha contorna privilexiada”.
O voceiro Francisco Suárez-Puerta pon en valor a importancia de “dotar a Palmeira dunha casa de cultura ou dun centro social público, un equipamento que permitiría reforzar a actividade cultural e social da parroquia, favorecer a participación veciñal e dinamizar a vida comunitaria”.
Neste sentido, Suárez-Puerta destaca que “a falta de solo dispoñible na zona consolidada fai especialmente relevante a recuperación de espazos xa existentes como o Cine Millán”.
O socialista subliña o valor histórico e simbólico do edificio, que foi primeiro unha fábrica de salgadura e posteriormente un cine e pista de baile, “formando parte da memoria colectiva de xeracións de veciños e veciñas de Palmeira”. “A súa recuperación permitiría preservar este legado, poñelo en valor e transmitilo ás novas xeracións”, engade.
A proposta contempla a creación dun espazo cultural polivalente, no que se poñan en valor os elementos industriais da antiga fábrica e se recupere tamén a súa dimensión cultural, cunha pequena sala de proxección en homenaxe ao antigo Cine Millán, así como espazos para actividades sociais, culturais e educativas.
O portavoz socialista destacou que se trata dunha “oportunidade única para recuperar un espazo que forma parte da historia de Palmeira e convertelo nun punto de encontro para o presente e o futuro da parroquia”. Nesa mesma liña apuntou que “non se trata só de rehabilitar un edificio, senón de devolverlle á veciñanza un lugar que xa foi seu e que segue moi presente na memoria colectiva”.
Para o voceiro, a adquisición e rehabilitación deste espazo “debe entenderse como un investimento estratéxico que contribuirá á dinamización cultural, á cohesión social e á posta en valor do patrimonio local”. “Palmeira merece contar cun espazo cultural propio á altura da súa historia e da súa identidade”, sinalou.
Destaca que esta proposta “encaixa coa liña de recuperación e posta en valor do patrimonio que se vén desenvolvendo no municipio, apostando por proxectos que reforcen a identidade das parroquias e melloren a calidade de vida da veciñanza, xerando ao mesmo tempo novos espazos de encontro e convivencia”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS