O PSdeG lamenta o falecemento de Julio Sacristán
– Dende a agrupación provincial socialista destacan a súa traxectoria política como alcalde de Culleredo e como secretario provincial do PSdeG da Coruña e enxalzan os seus valores e a súa calidade humana
A Agrupación Provincial da Coruña do PSdeG-PSOE comunica con profundo pesar o falecemento do compañeiro Julio Sacristán, unha figura imprescindible do socialismo galego e alcalde de referencia socialista que marcou a historia política e social de Culleredo durante máis de tres décadas.
Julio Sacristán foi alcalde do municipio de Culleredo desde 1983 ata o 2017, consolidándose como unha figura estratéxica da transformación deste concello e da área metropolitana da Coruña. O seu compromiso inquebrantable co progreso e o benestar dos veciños converteuno nun referente do socialismo local, loitando incansablemente por cuestións fundamentais para o desenvolvemento da área coruñesa.
Durante a súa dilatada traxectoria ao fronte do Concello de Culleredo, Sacristán logrou dotar dunha figura administrativa sólida á institución municipal e conseguir unha ampla serie de equipamentos en todas as parroquias do municipio. A súa xestión caracterizouse pola atención a necesidades básicas que, como el mesmo recoñecía nunha entrevista, “ás veces non se lle da valor”, logrando que o saneamento e o abastecemento chegasen practicamente ao 90% da poboación, un dos obxectivos que sempre perseguiu con determinación.
Entre 2014 e 2017, Julio Sacristán ocupou o cargo de secretario provincial do PSdeG da Coruña, demostrando unha vez máis o seu compromiso político cos valores socialistas e a súa capacidade de traballo ao servizo do partido e da cidadanía galega.
Quen o coñeceron destacan del o seu carácter de traballador incansable e, por riba de todo, a súa condición de boa persoa, valores que sempre guiaron a súa acción política e o seu compromiso co socialismo.
Bernardo Fernández Piñeiro, actual secretario provincial do PSdeG da Coruña, lamenta profundamente esta perda: “Julio Sacristán foi un compañeiro exemplar e un socialista comprometido que dedicou a súa vida ao servizo público e ao benestar dos veciños de Culleredo. O seu legado perdurará como testemuño do que significa o verdadeiro compromiso socialista”. A Agrupación Provincial da Coruña do PSdeG traslada as súas máis sentidas condolencias á familia e seres queridos de Julio Sacristán, así como a todos os compañeiros e veciños que compartiron con el a súa paixón polo servizo público e os ideais socialistas. A súa memoria e o seu exemplo seguirán inspirando ás futuras xeracións de socialistas galegos.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS