Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG denuncia que PP e BNG dan as costas a Ferrol ao votar en contra do incremento do gasto en defensa na Deputación

– Bernardo Fernández destacou na súa intervención como “O 17% do emprego industrial da provincia depende directamente de Navantia-Ferrol. Votar en contra desta moción é votar en contra dos seus traballadores, do desenvolvemento industrial e dun investimento sen precedentes para a construción de novas fragatas”


O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE denuncia con rotundidade a alianza entre o Partido Popular e o BNG na Deputación da Coruña para rexeitar a moción socialista que instaba a apoiar o incremento do gasto en Defensa. Esta negativa conxunta resulta incoherente nun momento no que Ferrol xoga unha oportunidade histórica de consolidar carga de traballo e emprego estable no sector naval. “O rexeitamento desta moción é un exemplo claro de como antepoñen intereses partidistas ás verdadeiras necesidades da cidadanía”, engadiu o voceiro socialista, Bernardo Fernández.

Fernández, lamentou profundamente esta decisión. “Nunha provincia, onde o 17% do emprego industrial depende directamente de Navantia-Ferrol, votar en contra desta moción é votar en contra dos seus traballadores, do desenvolvemento industrial e dun investimento sen precedentes para a construción de novas fragatas”, explicou.

Ademais de Navantia, moitas outras empresas da provincia da Coruña veranse directamente beneficiadas polo incremento do gasto en defensa proposto na moción. Empresas como UROVESA, e outras vinculadas ao sector da subcontratación, tecnoloxía e loxística militar, forman parte dun tecido industrial estratéxico que se reforzaría cun maior investimento público. Así, este impulso contribúe non só á consolidación de emprego na comarca de Ferrol, senón tamén á dinamización económica de todo o territorio provincial, xerando oportunidades en sectores como o metal, a enxeñaría, a electrónica e o transporte especializado.

A moción presentada polo PSdeG respondía non só ao compromiso de España cos seus socios europeos en materia de seguridade e defensa, senón tamén ás implicacións concretas que o reforzo orzamentario tería para sectores clave da provincia. En concreto, suporía unha carga de traballo decisiva para Navantia Ferrol, no marco do investimento proxectado pola UE e asumido polo Goberno central.

O texto subliñaba o contexto xeopolítico actual —marcado pola inestabilidade internacional e a crecente necesidade de reforzar as capacidades estratéxicas europeas— e como a industria naval galega podía beneficiarse desta folla de ruta.

Con todo, PP e BNG optaron por ignorar esta visión realista e construtiva, apostando por unha postura puramente ideolóxica e curtapracista. O PSdeG anuncia que continuará defendendo os intereses estratéxicos de Galicia e dos seus traballadores en todas as institucións, e reitera o seu firme compromiso coa defensa dunha política industrial moderna, xeradora de emprego e aliñada cos desafíos europeos.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes